Santiago, 01.06.2023.- Cun 11,3% de cota media, o dato máis alto neste 2023, e un 11,5% de media no prime time, a Galega pecha un mes de maio marcado polo liderado informativo, segundo o informe do medidor independente Kantar Media coñecido este xoves.
Con este resultado a TVG acada o seu mellor mes de maio desde 2011 e é a canle autonómica que máis medra.
Amplo liderado informativo: crecen os sete días da semana
Os informativos da TVG foron líderes en maio en Galicia e alcanzaron preto de 1.600.000 galegos maiores de 4 anos. Entre os informativos destaca de novo a franxa do mediodía, que, cunha cota do 18,6%, lidera sobre o resto das canles e triplica o resultado da outra canle pública que emite en Galicia (TVE, 6,1%).
Todos os informativos da Galega medraron no mes de maio: O ‘Bos Bías’ en fin de semana (3,9 puntos de cota), ‘Galicia Noticias’ (1,9 puntos de cota), ‘Galicia Noticias Fin de Semana’ (3,7 puntos de cota), ‘Telexornal Mediodía’ (7 décimas), ‘Telexornal Mediodía Fin de Semana’ (2 puntos) e ‘Telexornal Serán Fin de Semana’ (1,7 puntos).
Por días, destacan en maio as cotas de pantalla dos martes (11,3%), xoves (13,2%) e venres (12,6%). E no prime time cómpre salientar o crecemento das cotas dos xoves, día de emisión de ‘Land Rober Tunai Show’ (14%), dos venres con ‘Luar’ (12,3%) e dos domingos (14,4%), día de emisión de ‘Xente Marabillosa’.
TVG segue a actuar como un dos motores de FORTA, superando a media do grupo en 2,6 puntos de cota de pantalla.
O deporte segue a medrar na G2
O amplo despregamento de deportes da G2 deu excelentes resultados de audiencia tamén neste mes de maio. O 27 de maio a G2 acadou preto do 3% de cota de pantalla (2,8%), tendo o partido entre o Rácing de Ferrol e o R. C. Celta de Vigo B unha cota do 12,2%, audiencia media de 63.000 telespectadores e 132.000 persoas impactadas. Este dato supón o terceiro mellor rexistro do ano da segunda canle.
Nese encontro, os departamentais acadaron o ascenso a Segunda División e os celestes a súa clasificación para o play-off de ascenso. Simultaneamente a web da CRTVG emitía tamén o partido entre o RC. Deportivo e o Pontevedra, no que o equipo herculino acadaba tamén a clasificación para a eliminatoria de ascenso.
Fuente Crtvg.es