A TVG amosa en exclusiva, no especial ‘Descubrindo a catedral’, como lucirá o templo compostelán despois das obras de restauración acometidas no interior

0
5

Santiago, 29.12.2020.-  Con motivo da finalización das obras dentro da catedral de Santiago, de restauración das zonas da capela maior, o altar e as capelas da xirola, así como da Porta Santa e os transeptos norte e sur e o ciborio, a Televisión de Galicia puxo en marcha hai uns meses un ambicioso proxecto de gravación de todo o proceso para documentar os cambios e o desenvolvemento das obras. Este proceso culmina en parte agora, neste mes de decembro, coa emisión de varias reportaxes no programa ‘Vivir Aquí’ e cun especial que se emitirá este martes pola noite, titulado ‘Descubrindo a catedral’ (22.35 h), dirixido por Xulia Campo.

Neste proxecto audiovisual que está desenvolvendo a TVG en exclusiva, de máis de 30 horas de gravación que seguirán aumentando, estanse empregando os mellores medios, incluído un dron que permite recoller imaxes moi de preto das altas bóvedas da catedral, que van abraiar polo resultado da súa restauración e lles van permitir aos espectadores ver o interior da catedral como nunca antes. Tamén se mellorou a iluminación para que se realcen os traballos de recuperación realizados.

O obxectivo de ‘Descubrindo a catedral’ é amosar como lucirá a partir de agora o templo compostelán, nun momento en que as visitas se ven moi reducidas polas restricións que impón a pandemia do coronavirus. Por esta razón, a TVG será os ollos polos que todos poderán apreciar o traballo feito estes anos e as dificultades que supuxo realizalo, non só polas especiais características que supón traballar nun monumento case milenario, senón tamén polas obrigas que impuxo a seguridade sanitaria.

Ademais da difusión desta restauración, unha das máis importantes destas características que se está a facer no mundo, a Televisión de Galicia pretende recoller unha documentación valiosísima deste proceso para que quede arquivada para as xeracións futuras. Todo este traballo fíxose baixo un convenio asinado entre a CRTVG e a Fundación Catedral, e coa gran colaboración e apoio de todos os que están participando nestas obras.

Fuente Crtvg.es