A TVG convida a coñecer Galicia como nunca se vira no novo programa ‘Un país en 360’

0
3

Santiago, 09.12.2019.-    Santiago.-     A Televisión de Galicia estrea este luns ‘Un país en 360’, o seu primeiro programa de televisión que incorpora o 3D e o 360 nun concepto multiplataforma e que xerará pezas para seren vistas en 360 ou en estereoscopía no YouTube da televisión pública. Todo isto, co obxectivo de poñer os espectadores no centro da acción, nun paseo innovador polo patrimonio e a paisaxe. ‘Un país en 360’ é unha aposta dos medios públicos galegos pola innovación e a nova linguaxe audiovisual combinada coa intención de difundir a riqueza dos espazos naturais e monumentais, pero cun punto de vista ben diferente.

O novo programa da TVG levará a audiencia a lugares como a Ribeira Sacra, a Mariña lucense, a Costa da Morte ou as Illas Atlánticas, na compaña de convidados diferentes cada semana. Os espectadores/as poderán, por primeira vez, observar os 360 graos dos lugares máis representativos da comunidade, xunto a imaxes esféricas, efectos little planet ou selfies tipo ‘Matrix’ e ángulos nunca vistos, interactuar e elixir o plano que queiran ver. ‘Un país en 360’ foi gravado maioritariamente con cámaras 360 e de 3D, o que  permitirá descubrir Galicia dun xeito inmersivo, xa que o público vai estar no centro da acción.

A cámara 360 que levará a presentadora, Estíbaliz Veiga, será capaz de saír polas ventás, introducirse no oco das árbores, achegarse ao alto dos retablos ou mergullarse no fondo mariño. Cada semana e levando na man un soporte coa cámara, Veiga fará deporte, entre outros, barranquismo, esnórquel, piragüismo, ioga ou sendeirismo, falará coa veciñanza e presentará os monumentos máis salientables.
    
‘Un país en 360’ fará o patrimonio e a paisaxe galegos accesibles para todos e terá un bloque final en que persoas con diferentes capacidades dirixirán un voo dun dron que sobrevoará paraxes inaccesibles doutro xeito para o público.
    
Na primeira entrega, o espazo da Televisión de Galicia visitará a Ribeira Sacra. Estíbaliz Veiga bañarase enriba dun cabalo nunha lagoa de Monforte, percorrerá a ruta dos Bosques Máxicos de Castro Caldelas e achegarase ao románico de Pantón e O Saviñao. Ademais, descubrirá con Milucho o segredo da bica e acompañará a Isaac nun emocionante voo polos canóns do Sil.

Fuente Crtvg.es