A TVG dedica este martes unha edición especial do programa ‘Inimitables’ á Festa de San Brais de Bembrive

0
13

Santiago, 25.02.2020.-    A Televisión de Galicia ofrecerá este martes de Entroido unha edición do programa  ‘Inimitables’ dedicada á Festa de San Brais de Bembrive, un barrio de Vigo que durante no mes de febreiro se converte nunha festa que se celebra na rúa e nos máis de 30 furanchos que se abren na zona.

O San Brais de Bembrive é unha manifestación colectiva excepcional e peculiar no contexto das festas galegas. Nun marco rural singular, pero limítrofe cunha grande urbe galega, mantén uns sinais de identidade que mesturan de xeito sorprendente ruralidade con urbanidade e relixiosidade con manifestacións laicas.

Varias cousas fan esta festa única en Galicia. Nela conviven elementos relixiosos e gastronómicos (co cocido como protagonista absoluto), pero por riba de todo destaca a explosión musical que se desenvolve nos furanchos. Grazas ao seu abraiante poder de convocatoria, xente de toda Galicia e de fóra vén cos seus instrumentos para sumarse aos grupos improvisados que se forman nestes establecementos.

O programa presentado por Arturo Fernández captará a forza da música que se vive no San Brais e contará, entre outros, coas actuacións de potentes grupos de música tradicional como Os Terribles de Donas, Pelepau, Folk de Coiro ou Abóbriga, ademais de moitas outras expresións espontáneas de música e de festa.

Fuente Crtvg.es