A TVG destina 330.000 euros na maior convocatoria de proxectos de contidos dixitais

0
8

Santiago, 01.07.2022.- A CRTVG abre unha nova vía de produción e colaboración co sector audiovisual cunha convocatoria de selección de proxectos dixitais en lingua galega, a de maior contía económica ata a data.

Elixiranse ata 42 proxectos destinados á emisión a través das canles dixitais, páxina web e redes sociais, dos medios públicos galegos. As propostas deberán ser contidos de ficción, humor, divulgación, educación, cultura ou infotainment en formato longo ou en forma de microespazos/serie, e deben ser feitas especificamente para a contorna dixital.

Esta convocatoria, que estará aberta ata o 15 de agosto, enmárcase na estratexia de dixitalización, innovación e posicionamento dos medios públicos na contorna dixital e a súa relación co sector audiovisual. Este proxecto ten o obxectivo de promover a creatividade neste eido e procurar novas formas de produción de contidos multiplataforma e/ou transmedia, en lingua galega, que permitan novas formas de interacción coa audiencia e dean cabida nos medios públicos a novas formas de expresión artística netamente dixitais.

Dos 42 proxectos que se seleccionarán, doce deberán ser pezas de vídeo cunha duración entre 5 e 50 minutos, e cun orzamento por proxecto non superior aos 20.000 € máis IVE. Os outros trinta proxectos deberán estar compostos por un conxunto de pezas de vídeo cunha duración mínima por peza de medio minuto e máxima de 10 minutos. O orzamento de cada proxecto non poderá superar os 3.000 €, máis IVE.

“É sabido que unha parte importante do público consume audiovisual tamén a través de dispositivos dixitais, sobre todo o móbil, polo que tentamos fomentar a creatividade dirixida a este segmento da audiencia. Son contidos que para ter visibilidade e interacción adoitan ter unha linguaxe diferenciada da televisión e por isto facemos esta convocatoria”, destaca Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG.

A convocatoria foi deseñada tamén deste xeito para facilitar o acceso de pequenas empresas ou profesionais individuais que poden ter máis dificultades para presentar proxectos destinados á emisión por medios tradicionais e cun orzamento máis elevado.

Con medidas coma esta, a CRTVG segue a abrir vías de colaboración co sector audiovisual galego como empresa integradora da cadea de valor da industria cultural e creativa galega.

Toda a información sobre a convocatoria pode consultarse no Portal de Transparencia da Corporación.
 

Fuente Crtvg.es