A TVG e a RTP realizan este sábado o especial ‘Aquí Portugal’, con Xosé Manuel Piñeiro como presentador

0
19

Santiago, 15.11.2019.-  Televisión de Galicia e a Radio Televisão Portuguesa realizan este sábado conxuntamente unha nova edición de ‘Aquí Portugal’ (15.45 horas), para a súa emisión simultánea e en directo polas dúas canles. Esta será unha ocasión moi especial tamén porque suporá o reencontro televisivo de Xosé Manuel Piñeiro coa súa audiencia. O recoñecido presentador porase á fronte, xunto a outras dúas facianas moi coñecidas da Galega, Lucía Rodríguez e Arturo Fernández, e os portugueses Hélder Reis, Joana Teles e Catarina Camacho. O escenario estará situado na concorrida praza do Obradoiro compostelá.

Ao longo de máis de tres horas, este magazine de entretemento terá como fío condutor o Camiño de Santiago e, como non podería ser doutro xeito, terá un peso destacado a capital de Galicia, con contidos sobre a catedral, os ourives das Praterías, os artistas da rúa, os doces máis típicos e mesmo se falará da celebración do próximo Xacobeo 2021.

‘Aquí Portugal’ contará con convidados expertos para falar dos variados temas e  cunha longa listaxe de grupos galegos e portugueses, que achegarán a súa música en directo, como é o caso do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, da agrupación tradicional Cantigas e Agarimos, dos ritmos festeiros e divertidos da Banda da Balbina e Monoulius Dop, do rap orgánico de Som do Galpom, das voces harmónicas de De Vacas, e dos sons portugueses de Sedarf e AMA-Amar Mais Agora, entre outros.

Esta é a quinta ocasión en que Televisión de Galicia e a Radio Televisão Portuguesa producen conxuntamente este programa e unen os seus recursos arredor dunha proposta televisiva coa que se estreiten máis os lazos entre as culturas galega e portuguesa. A canle lusa leva incluso máis anos que a TVG emitindo con éxito este magazine divulgativo e musical en directo cada sábado á tarde.

‘Aquí Portugal’ emitirase para unha audiencia potencial de máis de 13 millóns de persoas, ao ofrecerse a través das primeiras canles terrestres de ambos os dous países e pola RTP Internacional, que leva o sinal polas comunidades lusófonas de todo o mundo, así como polas canles TVG Europa e TVG América.

A relación da Radio Televisión Portuguesa (RTP) e a CRTVG é estreita e tradúcese no desenvolvemento continuo de proxectos conxuntos no eido audiovisual e institucional. Entre os máis recentes, a gravación e emisión de programas e coproducións de ficción como ‘Auga seca’, serie gravada este verán principalmente en Vigo e no Porto e próxima a emitirse, ou a serie xuvenil ‘Verán M’, tamén rodada nos dous países e ofrecida este verán pasado. Anteriormente, cómpre citar o éxito de ‘Vidago Palace’, a primeira serie coproducida entre TVG e RTP, que logo de emitirse nas dúas canles chegou ao mercado internacional despois do seu paso en 2018 polo Mipcom en Cannes. Tamén se converteu na primeira serie rodada en galego e portugués emitida no territorio norteamericano, na canle por cable Acorn TV.

Na foto, os presentadores da primeira edición conxunta do ‘Aquí Portugal’, Sónia Araújo e Xosé Manuel Piñeiro, en Ourense.

Fuente Crtvg.es