A TVG estrea ‘A traxedia de Biescas’, unha moviedoc que se achega a este sinistro a través da ficción e o documental

0
22

Santiago, 11.08.2021.- Coincidindo cos 25 anos da fatalidade do cámping de Biescas, no Pirineo aragonés, Televisión de Galicia achega esta noite unha nova ‘Historia de lenda’ coa estrea do moviedoc ‘A traxedia de Biescas’ (23.25 h). Participada pola TVG, esta produción que combina ficción e documental, abrangue o acontecido en Biescas un 7 de agosto de 1996, cando unha crecida extraordinaria do río Arás arrasou o cámping As Neves situado xunto ao río Gállego.

Unha tromba de auga ocasionou unha riada que arrasou as instalacións, causando a morte de 87 persoas e feridas a 183. As investigacións determinaron que o cámping estaba construído nunha zona inundable. O accidente obrigou a modificar a normativa de instalación destes aloxamentos, para garantir a súa seguridade. Desde o primeiro momento, os veciños da localidade oscense envorcáronse nas tarefas de rescate, socorrendo e axudando sen descanso ás vítimas e familiares. 

A ficción, dirixida por Juan Miguel do Castelo, conta a historia dunha familia que decide pasar as súas vacacións no cámping de Biescas. O pai de familia prepáralle unha sorpresa á nai e lévaa a cear mentres deixan no cámping a avoa e a filla. Paralelamente a esta trama de ficción profundarase nos testemuños de quen viviu e sufriu a riada. O elenco da ficción, encabezado polo galego Fran Paredes, conta tamén con Itziar Miranda, Ana Gracia, Marta Sánchez, Aure Sánchez e Ana Villa.

A canle pública ofrece en ‘Historias de lenda’ producións a medio camiño entre a ficción e o documental, enmarcadas no xénero moviedoc, nas que se recrea a traxectoria vital e profesional de persoeiros destacados ou acontecementos da nosa historia recente que aínda están moi presentes na memoria colectiva, e das que xa se puideron ver na TVG ficcións dedicadas ao milagre de Inditex con Amancio Ortega e ao artista galego Juan Pardo. 

Fuente Crtvg.es