A TVG estrea ‘Baixo a pandemia’, documental sobre a crise sanitaria en Galicia, personalizada en casos reais

0
6

Santiago, 05.06.2020.-    Tras a emisión do concerto ‘Un canto á vida’, en homenaxe ás persoas falecidas pola Covid-19, Televisión de Galicia continúa este sábado á tarde con máis novas, como a estrea de ‘Baixo a pandemia’ (16.10 h), un documental sobre a crise sanitaria que establecerá unha cronoloxía dos feitos, desde que se comezou a falar do virus, os inicios dos contaxios e a declaración do estado de alarma, amosando como se viviu a situación en Galicia e como foi o esforzo colectivo para facerlle fronte.

Dirixido por Mercedes García-Nieto e producido por M International Audiovisual, o documental foi realizado desde unha visión intimista e personalizada en varios casos reais, empregando como fío argumental testemuños de galegos e galegas. A través destes casos contarase o momento histórico que se viviu no mundo enteiro, colocando o acento en Galicia. 18 galegos, entre eles os traballadores da sanidade, persoas infectadas polo virus, familiares de seres queridos falecidos, xentes do mar e da terra, os que coidaron dos nosos maiores e tamén os que animaron nas nosas fiestras nestes momentos tan estraños, serán o relato.

A produción deste documental enmárcase no paquete de medidas de apoio ao audiovisual galego posto en marcha pola CRTVG en abril co obxectivo de contrarrestar os efectos da Covid-19 na industria cultural e creativa galega.

                                                     #Coidémonos   

Fuente Crtvg.es