A TVG estrea ‘É hora de festa’, un espazo coas exaltacións gastronómicas e patronais galegas de máis sona

0
17

Santiago, 22.6.2022.- Televisión de Galicia estrea esta noite ‘É hora de festa’ (23.05 h), un programa fresco e divertido que percorrerá unha vintena de festas, na súa meirande parte, as citas gastronómicas de máis sona do noso país. Na súa estrea, a reporteira Olaya Rivas achegarase a unha das celebracións máis concorridas da Costa da Morte, a romaría de Santo Hadrián do Mar, que está declarada Festa de Galicia de Interese Turístico e onde a fe, os ofrecementos, a música e a comida comparten protagonismo.

A vila de Malpica de Bergantiños celebra cada ano por estas datas as festas na honra ao Santo Hadrián. Os veciños e devotos que acoden a ela quedan nas inmediacións da capela para celebrar unha romaría onde a música e a boa comida non faltan en toda a xornada.

Tras a pandemia, a romaría recupera a gran procesión de romeiros no seu día grande. A figura do santo vive na igrexa de San Xulián de Malpica, pero esa xornada de festa, centos de fieis sácano do templo para levalo a ombros ata a ermida, situada no cabo Santo Adrián. Despois de case unha hora de procesión, os romeiros chegan ao seu destino, onde se pasa por unha fonte a cuxa auga se lle atribúen efectos milagreiros e logo realízase unha misa.

Fuente Crtvg.es