A TVG estrea esta noite a película ‘Ons’, un drama con toques de misterio de Alfonso Zarauza

0
11

Santiago, 01.08.2022.-    A TVG comeza o mes de agosto con cine de estrea: a película ‘Ons’, de Alfonso Zarauza, que esta noite se poderá ver por primeira vez en televisión e en horario de máxima audiencia.

‘Ons’ é un drama con toques de misterio, rodado neste enclave singular do Parque Natural das Illas Atlánticas. Participada pola Televisión de Galicia, nesta película de autor destacan os papeis protagonistas de Melania Cruz e Antonio Durán ‘Morris’, un matrimonio en crise, cuxa vida se altera tras a aparición dunha misteriosa muller que naufraga na mesma illa.

Zarauza, director de películas como ‘Os fenómenos’, ‘Encallados’, ‘A noite que deixou de chover’ e ‘Malencolía’, presenta aquí a historia de Vicente, quen, afectado pola fonda depresión que sofre pola morte da súa amante, chega canda á súa esposa, Mariña, a unha remota illa atlántica coa intención de pasar o verán, curar a súa enfermidade e recuperar o seu matrimonio. A vida nesta illa faille ben a Vicente ata que, tras un naufraxio no medio dun temporal, irrompe nas súas vidas unha misteriosa e amnésica muller estranxeira.

Ademais da participación de Morris e Melania Cruz, a longametraxe reúne no elenco actores como Xulio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Miguel de Lira, Diego Anido, Cris Iglesias e Montse Martínez.

‘Ons’ foi a gran triunfadora na XIX edición dos Premios Mestre Mateo da Academia do Audiovisual, a de 2021, con nove galardóns. Ademais, este ano recibiu o prestixioso Premio Celtic Media á mellor longametraxe.

Fuente Crtvg.es