Santiago, 20.11.2023.- A TVG estrea esta noite ‘Artemisa’, unha serie de humor en que os espectadores da canle pública poderán coñecer unha vidente moi peculiar, por cuxo consultorio pasarán tanto famosos como personaxes de ficción interpretados por actores con problemas do máis singular.
Ana Belén, interpretada pola actriz Iolanda Muíños, é unha psicóloga que decidiu cambiar a bata polo turbante, como medio para sacar adiante a súa disfuncional familia. Os espectadores verán pasar pola súa casa, onde ten o negocio, ademais dos seus clientes, outra serie de personaxes, coma a súa nai Chefa, coa que ten unha intensa relación e da que herdou o negocio da cartomancia, ou o seu irmán, Víctor Manuel, que se dedica, fundamentalmente, a vivir do conto e da irmá.
Forman parte tamén do círculo de Artemisa o seu veciño Gustavo, que está namorado da pitonisa e que abandonou a súa carreira para axudala coa axenda de citas, e mais Victoria, a dona do ultramarinos ao que a vidente acode cada vez que ten problemas laborais ou familiares. Darán vida a estes personaxes habituais os actores Mela Casal, Xúlio Abonjo, Manuel Cortés e Lucía Veiga.
Esta noite, Artemisa recibirá na consulta un adicto ao xogo, alcumado ‘O primitivas’ e a quen interpretará o actor César Cambeiro. Chefa sempre estivo namorada deste home e intentará botarlle un conxuro para que a corresponda, mentres o seu fillo Víctor Manuel tratará de poñer en marcha un negocio de apostas no ultramarinos de Victoria, ás costas desta.
Tamén visitarán hoxe a vidente o presentador do ‘Luar’, Xosé Ramón Gayoso, preocupado polo seu futuro profesional; Manolo, a quen lle dá vida Evaristo Calvo, un cliente que cre que o seu peixe é a reencarnación dun amigo falecido; a cantante Pili Pampín, que quere que a pitonisa a axude a que o seu can recupere o ánimo, e Ramón ‘O cenizo’, interpretado por César Goldi. Este último está convencido de que lle botaron mal de ollo e de que é o culpable do cambio climático porque alí onde vai chove.
Fuente Crtvg.es