A TVG estrea esta noite a serie ‘Operación Marea Negra’, thriller de acción e misterio para os luns do mes de xullo

0
9

Santiago, 04.07.2022.-     Foi noticia en todo o mundo. En novembro de 2019, a ría de Aldán era o escenario da interceptación do primeiro narcosubmarino apresado en Europa. Baseada nesta historia real, esta noite chega á Televisión de Galicia a serie ‘Operación Marea Negra’ (23.20 h). Dirixida por Daniel Calparsoro (responsable de películas como ‘Invasor’ e ‘Cien años de perdón’) e Oskar Santos, esta ficción de acción e misterio, participada pola TVG, consta de catro capítulos, de 50 minutos de duración cada un, e ten como protagonista o actor Álex González.

No elenco internacional da serie destaca tamén a participación de Nerea Barros, Nuno Lopes, Luís Zahera, Míquel Insua, Xosé Barato, Carles Francino, Manuel Manquiña, Lúcia Moniz, Luis Esparteiro, David Trejos, Leandro Firmino e Bruno Gagliasso.

Este thriller segue os pasos de Nando, un mozo buscavidas que, despois de proclamarse campión amateur de boxeo en España, e empurrado pola pobreza, a falta de alternativas e os soños truncados, embárcase nunha das máis incribles aventuras do noso tempo: cruzar o océano Atlántico desde as Américas ata a Costa da Morte nun somerxible de construción artesanal, con tres toneladas de cocaína no seu interior. Dentro, tres homes sobrevivirán a tormentas, correntes, avarías, fame, pelexas intestinas e un constante acoso policial.

A través desta historia, ‘Operación Marea Negra’ achégase ao submundo dos narcotraficantes galegos, a súa relación cos grandes provedores latinoamericanos e a nova despregadura que desenvolveron para introducir a cocaína en Europa. Para isto, documéntase coa instrución policial do mesmo nome e coa extensa información do xornalista galego que investigou o caso desde a primeira noticia do posible narcotráfico entre América e Europa cun novo transporte difícil de detectar.

Ficción Producciones e Ukbar Filmes produciron ‘Operación Marea Negra’ para Amazon Prime Vídeo, xunto coa FORTA, liderada pola CRTVG, e a portuguesa RTP, coa axuda da Agadic e PIC Portugal.

No primeiro capítulo, que a TVG ofrece esta noite, os espectadores coñecerán a Nando no momento en que acaba de ganar o Campionato de España de Boxeo. É un bo rapaz, deportista, que leva unha vida humilde xunto ao seu avó, co que gaña a vida duramente traballando no mar. Pero os seus éxitos deportivos non dan cartos e sente a necesidade de buscar outros medios de vida.

A súa oportunidade chega ao reencontrarse coa súa curmá Gema, que vive en Portugal desde hai anos. Gema é filla dun narcotraficante para o que tamén traballa un vello amigo de Nando chamado Sergio. Nando é un mariño experto e a súa curmá axiña o convence para que pilote as súas narcolanchas.

Aínda que ten dúbidas sobre a súa nova vida, instálase en Portugal e comeza a gañar moitos cartos. Pero, nunha entrega de droga, unha banda rival rouba a mercancía que transportan el e Sergio. Para compensar a perda, os dous amigos vense obrigados a aceptar un encargo suicida: cruzar o Atlántico nun submarino cargado de droga.

Estrea da miniserie documental ‘Operación Marea Negra’

Despois da emisión da serie, a TVG estrea a miniserie documental ‘Operación Marea Negra’, produción que ten por finalidade achegarse aos feitos reais acontecidos arredor da incautación do primeiro narcosubmarino en Europa. Un relato que pretende contar todo o que, pola idiosincrasia da ficción, non pode ser contado na ficción.

A través de tres liñas de traballo diferentes, a miniserie intentará achegarlles aos espectadores á realidade do acontecido. Para iso, abordarase, coa maior rigurosidade, o proceso de investigación, as características deste tipo de travesías e os testemuños dos tripulantes implicados. Todo, co xa mencionado obxectivo, de intentar contar a historia da maneira máis completa e dándolles sempre aos protagonistas a oportunidade de narrar os feitos.

Fuente Crtvg.es