A TVG estrea este domingo a serie documental ‘Os Castros’

0
55

Santiago, 24.10.2020.-    A Televisión de Galicia estrea este domingo a serie documental ‘Os Castros’, que, dirixida por Xosé Manuel Vega e presentada por Alba Mancebo, dará a coñecer a riqueza do noso patrimonio castrexo, bastante descoñecido polos galegos. Esta nova produción ofrecerá dun xeito moi divulgativo o significado da cultura castrexa en Galicia desenvolta desde o século VI a.C. ata xa ben avanzada a romanización, cando os habitantes dos castros abandonan eses poboados e van vivir ás vilas e aldeas creadas baixo a lóxica económica e administrativa de Roma.

Amosarase como era a vida neses poboamentos de casas redondas amurallados que coroan tantos outeiros de Galicia. Os espectadores saberán que conta a súa arquitectura, como estaban organizados social e politicamente, de que vivían, como era a súa mentalidade e o seu mundo de crenzas e como influían estas nas súas creacións artísticas. Ademais, amosarase toda a diversidade de pezas e xoias daquela época que se gardan nos nosos museos. A entender todo isto axudarán expertos, profesores universitarios e arqueólogos especialistas na prehistoria galega e cunha experiencia contrastada no mundo castrexo.

No programa deste domingo, ‘Os Castros’ explicará cando e como se comezan a descubrir e a interpretar dun xeito científico os primeiros castros e, para entender mellor o que significou a aparición da cultura castrexa, farase unha breve referencia a como era a Galicia anterior aos castros.

Fuente Crtvg.es