A TVG estrea este domingo ‘Meniños Cantores’, coa participación de 17 centros educativos de Galicia e Portugal recreando cancións tradicionais dos dous países

0
15

Santiago, 25.12.2021.-   Este domingo chega á Televisión de Galicia o espazo ‘Meniños Cantores’ (19.45 h), en que participan 17 centros educativos de Galicia e Portugal recreando cancións pertencentes á cultura popular e tradicional. Os rapaces e rapazas dos dous lados da raia estarán apoiados por artistas consagrados nas gravacións, que tiveron lugar nun percorrido pola fronteira galego-portuguesa, ‘zigzagueando’ desde Verín e Chaves ata o Océano Atlántico.

Despois da exitosa edición de 2005, volve en 2021 esta iniciativa promovida pola asociación pedagóxica Ponte… nas ondas!, que leva máis de 25 anos poñendo en valor o patrimonio inmaterial nos centros educativos galegos e portugueses. ‘Meniños Cantores’ componse de 4 capítulos de 50 minutos de duración en que, ademais de coñecer as cancións interpretadas pola rapazada e os seus padriños e madriñas, os espectadores descubrirán as súas vilas e colexios e gozarán de todo o proceso de escolla do tema musical, preparación, interpretación e gravación, con todo o reto que conleva.

Tamén coñecerán en cada centro un portador dos saberes tradicionais, que, nun claro feito de transmisión oral, compartirá os seus coñecementos cos rapaces, axudando a difundir o patrimonio inmaterial galego e portugués.

Na primeira entrega, a través de algúns dos artistas e membros de Ponte… nas ondas!, amosarase como xorde a idea de facer esta nova edición de ‘Meniños Cantores’. O itinerario arrancará polas vilas da ‘raia seca’, comezando por Verín, coa súa madriña Zaraida, onde interpretarán ‘A mazá colorada’. O programa cruzará a raia e chegará a Chaves, onde un coro moi disciplinado estará acompañado polo grupo vogal do Porto Vozes da Rádio.

‘Meniños Cantores’ tamén visitará Montalegre e viaxará a Lisboa para poder estar co padriño, Antonio Zambujo, e en Crecente verá como a rapazada está apadriñada pola asociación O Castriño de Rebordechán, nunha clara mostra de interxeracionalidade.

Fuente Crtvg.es