A TVG estrea este martes a serie documental 'O pórtico da gloria, polos séculos dos séculos'

0
4

Santiago, 22.07.2019.-  A Televisión de Galicia estrea o martes ‘O pórtico da Gloria, polos séculos dos séculos’, unha serie de catro documentais que afonda na restauración desta obra mestra da catedral de Santiago de Compostela en que rematou o ano pasado unha ambiciosa intervención de recuperación integral. Os documentais revelan o longo proceso, desde os estudos previos, a urxencia da actuación e os detalles da limpeza da pedra ou a preservación da policromía, así como explicación da iconografía do Pórtico e a figura do Mestre Mateo.

Esta serie documental é unha produción propia da TVG gravada coas novas cámaras de alta definición por un equipo da canle pública que acompañou de xeito intensivo durante catro meses os traballos de restauración do Pórtico, e que foi posible grazas a un convenio asinado pola CRTVG, a Fundación Barrié e a Fundación Catedral, promotoras da recuperación do monumento. Ao longo de máis de 40 entrevistas, os xornalistas tiveron a oportunidade de falar cos equipos técnicos así como con expertos en patrimonio, arquitectura ou historia para coñecer de primeira man todo o proceso, que se levou a cabo durante 10 anos. 

O primeiro documental, ‘Pedra e auga’, trata sobre a situación de humidade e as condicións climáticas que afectaron a obra e como foi recuperada a pedra, e emitirase o martes ás 22.45 h pola G2.

A serie continúa coa emisión de ‘Policromía’, peza en que a audiencia descubrirá todo o relacionado co proceso de recuperación das cores do pórtico e os traballos de investigación que se fixeron sobre as capas de policromía existentes. Nesta ocasión, a emisión farase pola primeira canle, o mércores ás 15.30 h.

A terceira entrega leva o título ‘O Mestre Mateo e a catedral de Santiago’, e mostrará a relación deste persoeiro coa xoia arquitectónica que el mesmo creou. Poderá verse o xoves ás 22.45 h na G2. E a cuarta e última peza documental interésase pola simboloxía dos elementos do Pórtico da Gloria: Que queren dicir as estatuas que están representadas? As respostas atópanse en ‘Iconografía’, que se emitirá o venres, 26 de xullo, ás 22.45 h pola G2. 

As incontables horas de gravación resultaron nesta completa serie de catro pezas de algo máis dunha hora de duración cada un. A súa realización foi posible grazas a un convenio de colaboración entre a CRTVG, a Fundación Barrié e a Fundación Catedral, ambas promotoras da recuperación do Pórtico da Gloria, en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Instituto do Patrimonio Cultural de España (IPCE) do Ministerio de Cultura e Deporte.

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here