A TVG estrea este martes un capítulo especial dos Bolechas a favor dos patios inclusivos

0
7

Santiago, 02.12.2019.-  A Televisión de Galicia emitirá este martes 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, un capítulo especial dos Bolechas que se enmarca nun ambicioso proxecto levado a cabo con Cogami para fomentar a inclusión desde as primeiras idades. O capítulo ofrecerase a través da G2, e será de formato similar aos que leva emitindo a televisión pública desde o ano 2012. Centrándose no tema dos patios inclusivos, esta entrega ten o obxectivo de facer destes espazos lugares de goce para todas as nenas e nenos.

Cos populares personaxes de Pepe Carreiro como protagonistas, o vídeo mostra como se pode facer dos patios escolares lugares moito máis acolledores e inclusivos, onde o fútbol non domine o espazo e teñan cabida tanto nenas e nenos como as diversas afeccións e deportes da comunidade escolar, incluídos os de aqueles que teñen algunha discapacidade. A escola é un dos ámbitos máis relevantes para calquera nena ou neno, tamén para os que teñen discapacidades, de aí o interese por achegar a este ámbito unha mensaxe esencial para toda a sociedade. 

E unha vez máis, serán Os Bolechas, un referente en Galicia –e especialmente na contorna educativa– os que leven esta mensaxe de inclusión, solidariedade e respecto á diversidade, como levan facendo case 20 anos no eido editorial e desde o ano 2012 tamén coa serie que emite a Televisión de Galicia e cos programas especiais dos Bolechas, como son os capítulos de Nadal, o curso de inglés One2Three, a presentación do disco Chim Pum, emitido integramente ou os capítulos baseados na colección Letras Galegas, dedicados a autores senlleiros das nosas letras. 

A todos eles únese agora este capítulo especial realizado co asesoramento do persoal de Cogami, co obxectivo de divulgar a promoción da igualdade en todos os ámbitos: xénero, discapacidade e diversidade. E sempre a través dunha entretida aventura dos Bolechas que faga da aprendizaxe un momento de goce e diversión. 

Este martes conmemórase o Día da Discapacidade coa emisión deste capítulo en tres pases, dentro das faixas de emisión do ‘Xabarín Club’ na G2, que coinciden co almorzo, o xantar e a merenda. O primeiro pase terá lugar arredor das 07:25 h, o segundo sobre as 13:35 h, e o terceiro ás 18:00 h.

Fuente Crtvg.es