A TVG estrea este sábado a serie documental ‘Os Castelos’ para contar como se configurou a sociedade feudal arredor destas construcións

0
40

Santiago, 16.09.2022.-    A Televisión de Galicia estrea este sábado ‘Os Castelos’, unha serie documental que percorrerá cinco séculos cruciais da historia de Galicia: os que van do ano 1000 ao 1500. Con imaxes coidadas e datos reveladores, os espectadores poderán mergullarse nos castelos galegos a través desta nova serie de produción propia dirixida por Xosé Manuel Vega.

Da man da presentadora, Alba Mancebo, e coa participación de expertos nesa época, ‘Os Castelos’ conta como se configurou a sociedade feudal arredor destas construcións, como se fixeron os señores co poder e como finalmente o acabarían perdendo.

Un dos seus obxectivos básicos é dar a coñecer o que nos quedou do inmenso patrimonio arquitectónico daquela época, principalmente os castelos. Tamén lle botará unha ollada aos mosteiros, que tiveron un papel crucial tanto na economía como na organización social, cultural e relixiosa da Idade Media galega.

Esta serie documental contará coa participación de historiadores, historiadores da arte, profesores e investigadores como Anselmo López Carreira, Eduardo Pardo de Guevara, Carlos Lixó, Rebeca Blanco Rotea, Carlos Galbán, Mariña Bermúdez, Xosé Miguel Andrade e Victoriano Nodar, entre outros. Irán abordando en cada un dos capítulos temas como a arquitectura, a economía e a sociedade da época, a relixión e a cultura, a caída dos castelos e, por último, unha viaxe polas construcións que quedan en pé.

O primeiro capítulo, titulado ‘O encastelamento’, será unha introdución para coñecer os trazos esenciais da época, en que os castelos representaban o lugar físico e simbólico desde o que os señores exercían o seu poder. Nel exploraranse as bases do réxime señorial, a relación dos reis cos señores dos castelos, as funcións destas construcións e poder que tiña a Igrexa e como o compartía cos nobres.

Había pequenos propietarios agrícolas ou toda a terra era dos señores? Como a nobreza dos castelos, e tamén as ordes relixiosas, se fan donos da terra agraria? A partir de que momento dese período Galicia é un reino? Que significaba daquela ser un reino?  Quen tiña o poder realmente? Por que, ademais de ducias castelos, Galicia tamén se encheu de mosteiros no medievo? Estas e outras preguntas terán resposta na primeira entrega de ‘Os Castelos’, que a TVG ofrecerá arredor das 20.20 h.

Fuente Crtvg.es