A TVG festexa por toda Galicia a noite máxica de San Xoán

0
19

Santiago, 23.6.2022.-  Este xoves volverase vivir, por fin, a noite máxica de San Xoán. E a Televisión de Galicia estará en directo para levar as tradicións e a festa do San Xoán a todos os espectadores cun programa especial (21.55 h). Noelia Rey presentará un espazo que percorrerá as mellores celebracións desta noite.

O xoves pola noite, a Televisión de Galicia ofrece un programa especial dedicado ás festas de San Xoán. A presentadora Noelia Rey estará na Coruña para dar conta de todo o que pase nos arredores da praia de Riazor e Orzán. Neste areal haberá de novo unha multitudinaria celebración que culminará coa tradicional queima da falla e unha gran tirada de fogos artificiais.

A reporteira Adela Bértolo tamén viaxará á Coruña para vivir, a pé de praia, unha das noites máis curtas e emocionantes do ano. Pola súa parte, Alba Lea estará en praia América, no concello de Nigrán, outro dos puntos álxidos do San Xoán galego. Cunha gran verbena e centos de fogueiras celebran unha festa da que todo o mundo tiña moita gana.

Laura Ríos irá a Lugo, ao barrio da Piringalla. Neste lugar, o San Xoán celébrase cunha gran cea de becerro ao espeto, música tradicional e lumarada para poder saltar e pedir desexos. E Fátima Mella contará todo o que suceda no areal de Berres, no concello da Estrada, onde as danzas ancestrais e un particular e fermoso acendido do lume é o máis salientable.

Amais, neste especial sobre a noite de San Xoán coñeceranse as herbas máxicas que se deben recoller, verase como veñen as sardiñas este ano, e farase un percorrido por outras celebracións de San Xoán ás que paga a pena acudir.

Fuente Crtvg.es