A TVG métese ‘Na mente do asasino’ para afondar no perfil das persoas que cometeron algúns dos crimes máis impactantes dos últimos tempos en Galicia

0
12

Santiago, 29.09.2020.-  A partir de hoxe, a Televisión de Galicia meterase cada martes ‘Na mente do asasino’ (22.30 h), unha nova serie documental que afonda nos impulsos e pensamentos das persoas que cometeron algúns dos crimes máis impactantes dos últimos tempos en Galicia, co afán de localizar aqueles procesos mentais que os levaron a cometer os seus delitos, o que comunmente se coñece coma o móbil do crime, pero tamén a sucesión de actos e pensamentos que os empurraron cara a un punto de non retorno.

Galicia conta cunha dilatada crónica negra cuxas páxinas gardan centos de crimes que, ao longo do tempo, impactaron a sociedade polo cruento da súa realidade. As súas vítimas, os seus protagonistas e todos os detalles que os medios de comunicación deron a coñecer permanecen, moito tempo despois, gravados no ideario común. ‘Na mente do asasino’ lembrará crimes icónicos que se manteñen no subconsciente dos galegos e das galegas. Pero, que chispa se acende na mente dun asasino? Que leva a unha persoa a rematar coa vida doutra?

En cada unha das entregas o programa entrará na mente dun tipo de asasino diferente: sicarios, agresores sexuais, parricidas… e analizará as causas e os mecanismos que levaron a cometer eses asasinatos. Partindo do propio crime e da investigación que este desatou, ‘Na mente do asasino’ pretende dar resposta a unha das preguntas máis importantes que se fai a sociedade ao coñecer un crime: por que?

Precisamente, a estrutura de preguntas e respostas será a que acompañe o espectador ao longo do programa, despexando as dúbidas que a investigación atopou no seu desenvolvemento e abrindo outras cuestións que axudaron a resolver cada caso.

Cada semana, ‘Na mente do asasino’ comezará coa emisión dun documental que botará man de imaxes de arquivo e de entrevistas para presentar e ilustrar cada un dos casos tratados. A continuación, ofrecerase un debate, moderado polo xornalista Pablo Carballo, en que participarán expertos de diferentes ámbitos: o da investigación, xudicial, psiquiátrico, sociolóxico ou forense co obxecto de pormenorizar naquelas vías principais ou colaterais que deixen abertos os crimes que impactaron a sociedade galega.  

Outro dos propósitos desta mesa de análise será tamén achegar información de servizo ao espectador sobre consideracións que xurdan do propio tratamento de cada suceso: como se conforma e cal é a función dun xurado popular, cando é aplicable unha prisión permanente revisable, como se traballa nun laboratorio de toxicoloxía, na sala dun forense ou na negociación cun secuestrador.

A casa dos Mouriño

Na primeira entrega de ‘Na mente do asasino’, titulado ‘A casa dos Mouriño’,  tratarase o caso dun homicidio en Lalín, onde o matrimonio formado por José Mouriño e Carmen Reboredo cometeu o asasinato da súa filla e dun antigo traballador da casa, logo de prenderlle lume á vivenda e tratar de estoupala. Os culpables foron atopados na fosa de xurro da explotación gandeira da familia despois de prenderlle lume.  

Coas intervencións dos xornalistas Rocío Pérez e Alfredo López; de Víctor Blanco e Santiago Vilariño, efectivos de Protección Civil de Lalín; do bombeiro Francisco Javier Valiño; dos avogados dos acusados, Eduardo Porta e Xosé Manuel Lago; do policía xudicial Laureano Recamán e do catedrático de Psicoloxía Criminal Jorge Sobral, ‘Na mente do asasino’ afondará no caso e nos detalles dos feitos.

Deseguido, na mesa de debate, en que se tratarán hoxe as personalidades psicopáticas, participarán expertos de diferentes ámbitos, como o criminólogo Luís Alamancos, o comisario principal honorario Luís García Mañá, a forense do Imelga Berta Rodríguez e o catedrático de Psicoloxía Criminal Jorge Sobral.

Fuente Crtvg.es