A TVG ofrece esta noite ‘Os amantes de Abrente’, a película de ‘Saudade de ti’

0
79

Santiago, 12.06.2023.-    Como aperitivo á estrea o vindeiro domingo da segunda temporada de ‘Saudade de ti’, a serie do pasado verán en Galicia, a TVG ofrece esta noite, ás 22:40 h, a película ‘Os amantes de Abrente’, unha precuela desta ficción, que tiña o seu punto de partida nun fatídico accidente de tráfico ocorrido o día do Carmen na vila mariñeira de Abrente, que fixo que saíran á luz moitos segredos e intrigas familiares.

A película de ‘Saudade de ti’ situarase nos seis meses anteriores a este accidente, en que morreron dúas persoas, Olga e Uxía, e que sacudiu a vida de tres familias, centradas durante a primeira temporada en tratar de pechar as feridas polo ocorrido. Nesa época, as cousas na vila eran moi diferentes, pero aí estaba xa a orixe de todo o que ocorreu despois.

Así, este luns os espectadores verán como as familias Eiroa e López de Castro celebran xuntos e felices o aniversario de Celso, o pai de Gaspar e de Teresa. Mentres, Isidro amósalle a Olga a leira onde van construír a casa dos seus soños, onde pensan envellecer xuntos.  

Estas dúas estampas felices vanse truncar de golpe, marcando o devir da historia: Celso morre e a Olga diagnostícanlle ELA. Isto provoca que, unidos pola dor, Gaspar e a doutora empecen unha apaixonada relación amorosa ás agachadas de Adela e de Isidro, as súas respectivas parellas. Este reencontro dun amor do pasado fará que Gaspar comece a ter dúbidas respecto ao seu matrimonio. Olga nunca dubidou do amor que sente por Isidro, pero o achegamento de Gaspar sucede nun momento de gran fraxilidade para ela, porque acaban de confirmarlle unha terrible enfermidade. Para tratar de protexer os seus seres máis queridos, Olga ocúltalles a verdade e o confidente que necesita atópao en Gaspar.

Ao tempo que isto sucede, un novo enfermeiro chega a Abrente: Santi, que revoluciona a consulta e a vida de Olga, que o ve como un aposto pretendente para a súa filla Celia. Mónica empeza a dubidar do futuro do seu matrimonio con Raúl cando ela recibe unha oferta de traballo lonxe da vila. Pola súa parte, Uxía dubida da súa voda con Lucho ao descubrir que o seu prometido é o pai biolóxico da súa prima Noa.

‘Saudade de ti’, serie cun ton realista, dramático e vitalista, realizada por Voz Audiovisual, foi durante a súa primeira temporada un éxito de audiencia no prime time da Televisión de Galicia, que desde o vindeiro 18 de xuño ofrecerá 60 novos episodios, con novas tramas e personaxes, que se emitirán de domingo a martes despois do ‘Atrápame se podes’.

Fuente Crtvg.es