A TVG ofrece este domingo un ‘Evento G’ centrado no mundo da gaita, do que os espectadores coñecerán as súas variadas dimensións

0
7

Santiago, 16.05.2021.-     Na véspera do Día das Letras Galegas, a TVG ofrece este domingo un ‘Evento G’ cun protagonista que ocupa un lugar prominente na cultura de Galicia: a gaita. Ela está presente en toda festa que se prece, nos actos máis solemnes e emotivos do país, pero tamén é un instrumento musical que día a día avanza polas liñas máis diversas, desde a conservación da esencia da súa tradición a novos camiños de entendementos cos máis diversos xéneros musicais, como o jazz, o rock, as vangardas ou os diálogos con outras músicas do mundo.

O programa especial ‘Alá vai o gaiteiro’ propón unha viaxe apaixonante polo mundo da gaita, un enorme universo do que os espectadores coñecerán esta noite moitas das súas dimensións. Con gravacións históricas do programa ‘Alalá,’ lembraranse algúns dos grandes gaiteiros tradicionais de Galicia, aqueles que transmitiron as melodías e formas de tocar que nutren a nosa tradición, como José Marentes, Manuel Viqueira, Os Rosales, José o Ghaitas, Henrique Otero ou César Fernández.

Tamén se amosarán os camiños que tomou a gaita nos últimos anos e como o traballo de luthiers como Seivane, Corral e moitos outros fixeron posible que actualmente poida acompañarse de calquera instrumento dunha orquestra clásica, grupo de jazz ou banda de música.

Ademais, pasarán polo estudio de gravación as máis diversas propostas gaiteiras. Así, Susana Seivane combinará esencias tradicionais con pezas mesturadas co rock; Mitic presentará unha mostra do seu espectáculo, con versións de melodías universais, como a banda sonora de ‘Xogo de Tronos’ ou ‘Hotel California’, en que a gaita é a estrela do espectáculo, e Os Carunchos tocarán, coma sempre, coa forza indomable do espírito da tradición gaiteira e a festa.

Pola súa parte, Cristina Pato presentará desde Nova York os seus diálogos con outras culturas e estilos musicais; Anxo Lorenzo amosará o seu virtuosismo fusionando a gaita en experiencias e experimentacións electrónicas; Abóbriga, desde o Val Miñor, tocarán cunha formación, a murga, que representa a maridaxe entre a tradición gaiteira e as bandas de música; Pablo Seoane falará das súas experiencias no festival de Lorient, onde a gaita galega amosa todos os anos a súa versatilidade e forza creativa, e Bastards of Parade, que, co seu punk-rock-folk, reproducirá un duelo en que a gaita se medirá coas guitarras eléctricas máis potentes.

A gaita sempre foi parte da festa e a tradición, pero tamén como instrumento musical ten moito que expresar e cada un dos músicos que participará neste ‘Evento G’ amosará o uso e a intención que fai da gaita galega, un instrumento que, conservando a súa esencia, está en perpetua evolución.

Fuente Crtvg.es