A TVG ofrece este luns o primeiro debate electoral e unha programación especial desde as 19.30 h

0
8

Santiago, 29.06.2020.-   A Televisión de Galicia ofrece esta noite, a partir das 21.30 h, o primeiro debate electoral para os comicios do 12-X entre as sete formacións políticas que teñen en Galicia carácter de ‘grupo representativo’ ou de ‘grupo político significativo’. Moderado polos xornalistas Marta Darriba e Alejandro López desde o Estudio 5 de San Marcos, tamén se poderá seguir na Radio Galega, na G2 -con intérprete de lingua de signos-, na canle de YouTube da Corporación –tamén con intérprete en lingua de signos-, e a través dos medios dixitais da CRTVG.

Xa desde as 19.30 h, a TVG ofrecerá un ‘Especial Informativo’, presentado por Ana Celia Vázquez, en que participarán os analistas Ana Luísa Bouza, Xosé Luís Gómez, Xosé Luís Barreiro Rivas e Roberto Blanco Valdés, que irán analizando os instantes previos e tamén comentarán os momentos posteriores ao evento.

Os sete candidatos/as dos denominados electoralmente ‘grupos representativos’ (Alberto Núñez Feijóo, polo PP; Pancho Casal, da Marea Galeguista; Gonzalo Caballero, do PSdeG, e Ana Pontón, polo BNG) e os dos denominados ‘grupos políticos significativos’ (Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común; Beatriz Pino, de Ciudadanos, e Ricardo Morado, de Vox) confrontarán as súas posicións sobre asuntos de máximo interese para a cidadanía, divididos en catro bloques: 1) Galicia e a COVID: xestión, nova normalidade, reconstrución; 2) Políticas económicas, industriais, orzamentarias e fiscais xerais; 3) Políticas sociais e de benestar, educación, sanitarias e 4) Modelo institucional, pactos, gobernabilidade e encaixe de Galicia no Estado.
    
As normas e a orde de participación serán as pactadas polos representantes das sete forzas na reunión celebrada nas instalacións da CRTVG en San Marcos. Así, o debate comezará cun minuto de apertura para cada candidato/a, que disporá en cada bloque de catro minutos para as súas intervencións. Ao remate do debate, cada formación disporá de novo dun minuto para a súa mensaxe de peche.

A CRTVG empregará un amplo dispositivo de recursos humanos e técnicos para garantir a calidade e pluralidade que require un debate electoral de máximo nivel. Este debate dos principais candidatos será o primeiro dos 9 encontros que organizará a Corporación nos 15 días de duración da campaña, xa que haberá tamén oito debates de carácter provincial, divididos nos mesmos bloques temáticos e 14 entrevistas personalizadas cos candidatos dos sete partidos.

Fuente Crtvg.es