A TVG ofrece este martes á noite un especial sobre Julio Iglesias e os seus 50 anos de éxito na música

0
14

Santiago, 08.09.2020.- Televisión de Galicia ofrece esta noite unha gala homenaxe dedicada a Julio Iglesias, o artista latino que máis copias vendeu dos seus discos, en todo o mundo, de toda a historia: 350 millóns, amais de ter 1.700 discos de ouro e de platino certificados. Presentado por Arturo Fernández, co especial ‘Julio Iglesias tamén é galego!’ (22.00 h), a Galega quere felicitar o cantante, de orixe galega, que o día 23 deste mes fará 77 anos e que, este verán, conmemora medio século de carreira musical.

A TVG celebra os 50 anos de música de Julio Iglesias, para despedir un verán en que o artista non os puido festexar, xa que por mor da crise sanitaria tivo que anular unha xira de concertos 50 aniversario que o ía traer en directo a España.

E como este verán foi tan duro para as orquestras galegas, que cancelaron case todas as súas actuacións en directo, esta será unha gala especial porque se escoitarán as e os cantantes dalgunhas das formacións con máis éxito en Galicia interpretar e versionar algunhas das cancións máis afamadas de Julio Iglesias. Actuarán para o público da TVG:  José Manuel (Noly) e Eric Hidalgo, Ángel Israel, Mayte Leiva e Peke, Irene Iglesias, Luís Rey, Lito, Paty Lesta, Alberto Cunha, Antonio Barros e Lucía Pérez, e Vizcaíno.

Con este programa, a Galega tamén quere enviar azos ao artista, posto que a prensa internacional alertaba nestas últimas semanas dunha posible deterioración grave do estado de saúde do cantante, que mesmo lle impediría camiñar con normalidade. Pero afortunadamente, Julio Iglesias acaba de tranquilizar os seus milleiros de fans. A través das redes sociais, o artista explicou que a comezos de verán tivo unha caída doméstica no seu domicilio da República Dominicana e aínda está a recuperar a normal mobilidade dun xeonllo e dun nocello. Parecen tempos complicados para o artista, porque o seu suposto noveno fillo chega ata o Tribunal Supremo e a ONU con novas reclamacións da súa demanda de paternidade. Neste senso, ‘Julio Iglesias tamén é galego!’ actualizará as novas relacionadas con Julio Iglesias e repasará algunha das súas entrevistas e actuacións máis senlleiras.

Fuente Crtvg.es