A TVG presenta o vindeiro mércores en Vigo a nova serie ‘Auga Seca’, que chegará ás pantallas o 2 de febreiro

0
2

Santiago, 26.01.2020.-    A Televisión de Galicia presenta o vindeiro mércores, 29 de xaneiro, en Vigo a súa nova aposta de ficción, a serie ‘Auga Seca’, unha coprodución coa  Rádio e Televisão de Portugal (RTP) rodada entre a cidade olívica e Lisboa o pasado verán. Ao acto, que se celebrará na Sede Afundación de Abanca, asistirá o equipo ao completo da serie e moitas caras coñecidas da TVG.

‘Auga Seca’, a primeira serie en galego que accedeu ao exclusivo Mipcom de Cannes, mercado audiovisual onde converxe a industria global de medios e entretemento, é un trepidante thriller de seis capítulos sobre o universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial, que chegará á pantalla da TVG o vindeiro 2 de febreiro en horario de máxima audiencia. Dirixida por Toño López, esta trama cargada de xiros e sorpresas supón unha nova colaboración entre a TVG e a RTP, canles que manteñen lazos estreitos, despois de coproducir tamén as series ‘Vidago Palace’ e ‘Verão M’ e programas como ‘Camiños de irmandade’ e especiais de ‘Aquí Galicia’ e ‘Aquí Portugal’.

A serie, coproducida pola galega Portocabo e SP-i, a produtora de televisión máis importante do país veciño, e que será distribuída internacionalmente pola británica DCD Rights, ten como protagonistas os actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos e a portuguesa Victoria Guerra. Nada é o que semella en ‘Auga Seca’, un thriller que conta a historia de Teresa, unha muller que toma a decisión máis arriscada da súa vida: infiltrarse nunha organización criminal para vingar a morte do seu irmán.

Fuente Crtvg.es