A TVG recolle en San Sebastián o Premio Europeo CIRCOM pola serie ‘Motel Valkirias’

0
16

Santiago, 01.06.2023.-    O director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, recolleu esta noite o Premio CIRCOM 2023 outorgado á serie da Televisión de Galicia ‘Motel Valkirias’, recoñecida no apartado de entretemento e ficción. Esta coprodución da TVG e a RTP acada así o décimo premio internacional para a canle pública galega, todos eles logrados desde 2012. Arias estivo acompañado por Ghaleb Jaber Martínez, director da produtora CTV.

Estes premios, que recoñecen desde hai máis de 30 anos as mellores producións audiovisuais das televisións públicas rexionais europeas, foron entregados no transcurso dunha gala conducida pola periodista e presentadora de EITB Nerea Reparaz e que se celebra no marco da 39ª Conferencia Anual de CIRCOM, a asociación das televisións rexionais públicas europeas, que ten lugar este xoves e venres en San Sebastián.

Os Premios CIRCOM Regional foron creados hai máis de 30 anos para galardoar os mellores programas de televisión producidos e emitidos por canles rexionais públicas de toda Europa. A entidade reúne preto de 250 canles de televisión públicas rexionais de 30 países europeos e este ano elixiu España para a súa conferencia anual e para a gala de entrega destes galardóns.

‘Motel Valkirias’ é unha coprodución entre CTV e SPi, de España e Portugal, e conta co apoio da Agadic, Xunta de Galicia, PIC Portugal, Turismo de Portugal e a colaboración da Deputación de Ourense e a Cámara Municipal de Montalegre. A serie é un wéstern fronteirizo protagonizado por María Mera, Marina Mota, Maria João Bastos e o gañador dun Goya Chechu Salgado.

O premio a ‘Motel Valkirias’ súmase a outros galardóns acadados nos Prix CIRCOM pola TVG. O último, o ano pasado, cando a xornalista Noelia Rey, unha das presentadoras do programa ‘Malicia Noticias’, recibiu o galardón ao Novo Talento en Pantalla 2022. Anteriormente, este mesmo galardón recaera na xornalista Alba Mancebo e a serie ‘Matalobos’ lograra o premio á mellor ficción de televisión. A serie ‘3 camiños’, o documental ‘Máis ca vida’, o programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe do espazo ‘Deporte Extra’ foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións dos Prix CIRCOM.

Fuente Crtvg.es