A TVG recupera a ‘slow tv’ coas ‘Rutas Amodiño’ polas rúas baleiras das cidades galegas

0
7

Santiago, 30.03.2020.-   Televisión de Galicia emite esta semana, cada noite, un capítulo de ‘Ruta Amodiño por…’ , programa que percorre as principais cidades galegas, tanto os seus núcleos urbanos como os arrabaldes, para amosar a imaxe única e impactante das rúas baleiras de xente, no confinamento por mor da emerxencia sanitaria. É unha nova mostra do xénero da ‘slow tv’ na TVG e realízase cada xornada cunha cámara autónoma, un coche e só co son ambiente, sen montaxe, nin locucións, nin música nin outros recursos narrativos.

O propósito é ofrecer ao espectador un percorrido en primeira persoa, liberado de todos os recursos televisivos que habitualmente poñen distancia, para que poida ver cos seus propios ollos o que sinxelamente transmite a cámara. ‘Ruta amodiño por…’ comezou a fin de semana con espazos dedicados a Vigo e á Coruña, e ofrécese polas noites na TVG e na G2 na faixa nocturna despois dos programas de prime time. Hoxe luns o programa percorrerá Pontevedra; mañá martes Ourense; o mércores 1 de marzo visitará Santiago; na noite do xoves, Lugo; e o venres 3 a cidade de Ferrol.

Televisión de Galicia, pioneira en España en ‘slow tv’

Con ‘Ruta Amodiño por…’ regresa a ‘slow tv’ ou ‘ televisión a modiño’ á TVG, despois das primeiras experiencias de ‘Destino Santiago’, en 2017 e 2018, coas que os medios públicos galegos foron pioneiros en introducir en España este formato. A ‘slow tv’ é un concepto implantado pola televisión pública norueguesa NRK en 2009 cunha viaxe en tren de sete horas, e logo en 2011 cunha viaxe que percorreu a costa do país en barco durante 134 horas seguidas en directo e que se converteu nun acontecemento nacional.

As dúas edicións de ‘Destino Santiago’ convertéranse nun laboratorio en tempo real deste formato para os medios públicos galegos, que se centraron na experiencia de transmitir en directo a peregrinación de dous personaxes a Santiago de Compostela, nun proxecto transmedia que chegou á audiencia por televisión, radio e canles dixitais.

A CRTVG está a emitir unha programación adaptada á demanda da audiencia nestas circunstancias excepcionais, dentro do seu labor de servizo público. Consciente de que neste momento de confinamento, o entretemento e a información son fundamentais, ademais destas novas propostas a CRTVG mantén tamén os seus programas senlleiros de entretemento na grella, sempre tomando as máximas precaucións e prevencións para os seus traballadores. Tamén aumentou a programación infantil e de formación na casa para os máis cativos e está a recuperar momentos históricos do deporte galego.

Fuente Crtvg.es