A TVG segue a incrementar de audiencia en xuño e consolídase como a canle xeneralista máis vista entre a xente nova

0
1

Santiago, 01.07.2020.-    A Galega segue a medrar en audiencia, crecendo en xuño outro medio punto respecto ao mes anterior, tanto no conxunto día, onde acadou un 10,2% de cota, coma no prime time, en que chega ata un 10,6%. Televisión de Galicia é a segunda canle máis vista polos galegos e galegas, só por detrás de Telecinco.

Ao liderado dos seus informativos súmase que TVG segue a ser, coma en maio, a canle xeneralista máis vista polos espectadores novos (entre 13 e 24 anos idade), cunha cota do 9%. Isto confirma a renovación sostible do público da Galega nunhas faixas de idade en que o consumo de TDT é cada día máis complicado de conseguir ante a oferta dixital.

Ademais, no ámbito Galicia, a TVG recupera o liderado entre as canles públicas e colócase na segunda posición de toda a oferta televisiva do país. De novo, a TVG liderou a franxa informativa do mediodía, cun 18,7% mensual, de luns a domingo, a 4,4 puntos da seguinte canle, que é Antena 3 (14,3%).

Na clasificación dos 25 programas máis vistos en Galicia neste mes, 15 son informativos da TVG, co ‘Telexornal mediodía’ á cabeza.

En audiencia, todos estes espazos medraron en xuño: o ‘Bos días’,  con 1,8 puntos de cota máis; ‘A revista’, con 8 décimas máis; o ‘Galicia noticias’ faise con 6 décimas máis ca hai un mes; o ‘Telexornal mediodía’ medra 6 décimas; o ‘Telexornal serán’ acada outras 7 décimas de cota máis e o ‘Telexornal serán fin de semana’ medra 5 décimas.

O intenso labor informativo de luns a domingo e o reforzo da oferta de entretemento da canle pública, que nestes días estrea novidades na grella para o verán, fai que a TVG manteña e mellore os seus resultados de audiencia no ámbito xeral.    

No que respecta á rede de canles autonómicas reunidas en FORTA, a TVG segue firme como un dos grandes motores desta rede e acada valores superiores á media de canles en 2,4 puntos de cota, tanto no conxunto do día como no prime time.

Fuente Crtvg.es