A VIII Noite Efervescente acolle a realización do programa ‘Efervesciencia’ da Radio Galega

0
18

Santiago, 24.6.2022.-   O equipo do programa ‘Efervesciencia’ da Radio Galega asistirá este sábado á Casa de Rosalía de Castro, en Padrón, para participar na celebración da VIII Noite Efervescente (desde as 21.00 horas), nunha nova xornada de observación pública inclusiva do ceo nocturno. Esta iniciativa, de balde e aberta ao público, é unha actividade familiar de astronomía, en que anfitrioa é a asociación Amipa de persoas con discapacidade intelectual da comarca do Sar.

Desde este emprazamento, Manuel Vicente, director e presentador de ‘Efervesciencia’, gravará o programa do mércores, que, entre outros contidos, disporá de música ao vivo co pianista Juanjo Fernández, falará do Herbario de Rosalía e de ciencia, e tamén dedicará tempo á poesía.

Noite Efervescente, que en pasadas edicións se desenvolveu en observatorios astronómicos tan singulares como o de Cotobade, a Casa Habanera de Guitiriz ou o náutico de Castrelo de Miño, é unha iniciativa do programa ‘Efervesciencia’ da Radio Galega, en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa ‘IO’, a asociación Amipa, a Casa Rosalía e Panaderías San José.

Pola súa parte, o programa de información científica da Radio Galega, ‘Efervesciencia’, producido pola USC, con financiamento da FECYT (Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía)-Ministerio de Ciencia e Innovación, emitirase o mércores, ás 21.00 horas.

Fuente Crtvg.es