A volta de ‘Land Rober Tunai Show’ lidera a noite do xoves en Galicia

0
5

Santiago, 25.09.2020.-   ‘Land Rober Tunai Show’ regresou onte ás noites dos xoves da Televisión de Galicia como líder de audiencia, cun 14,6% de cota media de pantalla e un pico de 18,7%. O espazo, que recibiu a visita de Fernando Vázquez, adestrador do R. C. Deportivo, contou cunha audiencia media de 100.000 telespectadores, un 60% máis que a seguinte canle, Tele 5. A cota media na canle galega no prime time foi dun 13,9%. Só outras dúas canles lograron superar a barreira do 10% na franxa máis importante do día, (Tele 5, cun 10,4%, e Antena 3, cun 11,6%, quedando a 3,5 e 2,3 puntos da canle pública galega respectivamente).
    
Na faixa informativa de primeira hora da tarde, o ‘Telexornal Mediodía’ foi o programa máis visto do día en Galicia, cunha media de 20,5%. En total, no día de onte os informativos da TVG contaron cunha audiencia de 450.000 espectadores, o 17,2% dos galegos de 4 e máis anos. E o informativo ‘Galicia Noticias’ foi o seguinte programa no ranking dos máis vistos en Galicia, cunha cota de pantalla do 24,9%.

‘Land Rober Tunai Show’ volve os xoves pola porta grande
    
Na súa volta despois de verán, por fin Roberto Vilar puido entrevistar a Fernando Vázquez, adestrador do Deportivo, despois de moitos meses perseguindo esta visita ao estudio de gravación. Na nova temporada, o espazo da TVG vaille dar aínda máis protagonismo ao público e tamén vai revolucionar as redes sociais porque estrea conta en Tik Tok. E avecíñase un novo espazo de interacción co equipo do programa, a ‘Zona Mixta do Land Rober’, onde os seguidores poderán enviar peticións, retos, preguntas para convidados e coñecer o que se fai detrás das cámaras durante os directos.

Fuente Crtvg.es