A xira dos Bolechas ‘A bruxa Befana’, apoiada pola CRTVG, visita este Nadal oito concellos galegos

0
18

Santiago, 14.12.2024.-  Os Bolechas celebran o Nadal cunha xira por oito concellos de Galicia do seu novo espectáculo ‘A bruxa Befana’, no que recibirán unha visita moi especial, a da popular bruxa que leva xoguetes e doces aos nenos italianos e que se desvía no seu camiño ata a casa dos Bolechas.

O novo espectáculo de Nadal visitará oito concellos: Vilagarcía de Arousa, Trazo, Padrón, Redondela, Viana do Bolo, Abadín, Foz e Santa Comba, entre o 22 de decembro e o 8 de xaneiro, e foi presentada este mércores en Santiago. Televisión de Galicia apoia un ano máis esta acción dos populares Bolechas que levan o teatro en galego cada Nadal a nenos e nenas das catro provincias.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, Gadisa e Editorial Bolanda, xunto coa CRTVG, son as entidades que fan posible a xira, que foi presentada esta mañá nun acto en que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director de Comunicación de Gadisa, José Luis Fernández, e Antonio Couto, director da Editorial Bolanda, así como Marta Fernández, xefa de Comunicación Corporativa da CRTVG.

Os populares Bolechas, en emisión dentro da programación infantil da G2, contribúen á divulgación e á formación da poboación infantil en galego, sempre mediante o divertimento. Emítense tamén na canle pública portuguesa RTP e en distintas canles autonómicas. Este Nadal, os bonecos seguirán a ser protagonistas na programación infantil da Galega así como coa emisión de ‘A merenda dos Bolechas’ na canle de YouTube da CRTVG nas tardes deste Nadal.

Na foto superior, de esquerda a dereita, José Luis Fernández, Marta Fernández e Valentín García

Fuente Crtvg.es