Accésit do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021 para o xornalista da TVG Manuel Cruz

0
7

Santiago, 22.06.2021.–    O xurado do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021, concedido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), decidiu outorgar un accésit deste premio á peza xornalística ‘Investigación fronte a praga da rata toupa’, do xornalista Manuel Cruz Rodríguez, emitida o 10 de abril de 2021 no programa ‘Labranza’ da TVG. O xurado valorou que é unha peza que pon o foco nun problema que afecta economicamente a realidade galega e achega como se está a abordar desde un punto de vista científico para darlle solución.

Manuel Cruz explica que para el e todo o equipo que fai ‘Labranza’ é un orgullo que a Real Academia Galega de Ciencias recoñeza o seu traballo e que desde os seus comezos, hai xa máis de 30 anos, un dos obxectivos prioritarios do programa foi “darlle voz e axudar a divulgar o traballo calado que tantas investigadoras e investigadores fan a prol do desenvolvemento do agro galego”. O tamén director deste espazo da TVG destaca que esta distinción resulta especialmente satisfactoria porque “o mérito dese traballo non é noso, o mérito é do grupo de Neuroanatomía da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (USC)”, que soubo “adentrarse nun problema que afecta a cada vez máis gandeiros e agricultores da montaña de Lugo e buscar unha solución innovadora”.

O Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021, que a RAGC organiza en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), foi este ano para a peza xornalística ‘Ciclodextrina: la conexión entre El Señor de los Anillos’ y la pandemia de covid-19”, do xornalista Alberto Quián, publicada no diario dixital ‘El Salto’.

‘Labranza’,  decano da información agraria en televisión
    
‘Labranza’ é o espazo decano da información agraria en televisión a nivel estatal e un dos programas máis veteranos da TVG. Emite, os sábados a mediodía, reportaxes de divulgación sobre os distintos sectores produtivos do agro galego, desde o leite á viticultura, cun especial interese naquelas iniciativas que buscan revitalizar o medio rural en Galicia. O galardón entregarase nun acto que se celebrará o vindeiro martes, 29 de xuño, ás 19.00 h no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.

Fuente Crtvg.es