Ainhoa Arteta, a soprano española máis internacional, e Antonio José, un dos artistas emerxentes máis importantes do país, convidados no ‘Luar’ deste venres

0
12

Santiago, 13.12.2019.-    A potente voz de Ainhoa Arteta, a soprano española máis internacional e recoñecida, soará esta noite no escenario de ‘Luar’. Dedicada a actuacións en escenarios dos cinco continentes, o programa da TVG acollerá unha das súas contadas aparicións en televisión. A artista vasca baixa do ceo da lírica para reencontrarse no seu novo álbum, ‘La otra orilla’, coas cancións da música latinoamericana que indiscutiblemente son recoñecidas polo oído de todos.

Os espectadores tamén se poderán achegar ao novo disco de Antonio José, que en menos de tres anos se converteu nun dos artistas emerxentes máis importantes do país, cunha intensa e traballada carreira artística. O cordobés presenta ‘Antídoto’, un traballo íntimo ao que se dedicou por enteiro os últimos meses. Trátase do seu álbum máis internacional, xa que foi creado entre Miami, Los Ángeles, Bogotá, Bos Aires, Madrid e Barcelona.

Ademais, ‘Luar’ contará este venres coa presenza da banda portuguesa Gaiteiros de Lisboa, que celebra 30 anos de carreira e que ofrece unha nova ollada sobre a música tradicional lusa. Desde o seu nacemento, promoveron un choque directo entre a tradición e a innovación, o respecto polo pasado e o desexo de abrir camiños cara ao futuro.

Polo escenario de ‘Luar’ tamén pasarán a banda viguesa de punk rock Killer Barbies, a orquestra Miramar, o histórico Real Coro Toxos e Froles, a Asociación Cultural A Mámoa de Luou, os grupos Abóbriga e Varalonga e a artista andaluza Irene de Paz, que lles amosará aos espectadores galegos o seu espectáculo de equilibrismo.

No tempo de ‘Recantos’, repetirán duelo sobre o escenario O Chylava, representante da comarca Terras do Eume, e Marc Alonso, procedente da Costa da Morte, que xa se enfrontaran na gran final do concurso na súa edición 2017-2018.

Fuente Crtvg.es