Alavés-Celta, Alcorcón-Lugo e Deportivo-Athletic B, os partidos da fin de semana no ‘Galicia en Goles’

0
9

Santiago, 25.11.2021.-    A xornada de Liga comeza o venres na Radio Galega. A partir das 20.30 h, a atención estará posta no estadio Santo Domingo, onde o Lugo visita o pechacancelas da Segunda División Profesional, o Alcorcón.

O sábado, ‘Galicia en Goles’ adianta o comezo ás 13.00 h coa retransmisión desde Mendizorroza do partido da Primeira División entre o Alavés e o Celta de Vigo. Logo chegará o Sanse-Rácing de Ferrol, da Primeira RFEF, e dúas citas na Segunda RFEF: Compostela-Avilés e Bergantiños-Coruxo. Na última hora do día, de 23.00 a 00.00 h, a audiencia terá información do motor na sección ‘Gas a Fondo’ e dos galegos que preparan os próximos Xogos Olímpicos no espazo ‘Galicia en París’.

O domingo, a edición matinal contará desde as 12.00 h o Celta B-Extremadura, da Primeira RFEF. A partir das 15.00 h, a sesión de tarde dará cobertura ao Deportivo-Athletic de Bilbao B e aos encontros da Segunda RFEF Arenteiro-Segoviana e Pontevedra-Arousa. A competición da Terceira RFEF completará a oferta de retransmisións futbolísticas. A partir das 19.00 h, o balonmán tomará a remuda co Cangas-Sinfín, da Asobal.

A última hora do día, de 23.00 a 00.00 h, será para ‘Ao Contraataque’, que abrirá a mesa de debate cos especialistas para debater sobre os resultados dos equipos galegos nas principais categorías do fútbol español.

‘Galicia en Goles’ descansará o luns para volver a antena durante seis días da semana que vén. De martes a xoves, e só por G24.gal/directos, os oíntes terán ocasión de seguir os sete encontros da Copa do Rei en que toman parte equipos galegos. Xa desde o venres, na emisión convencional da FM, o equipo deportivo da Radio Galega volverá narrar os compromisos da Liga.

Fuente Crtvg.es