Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia: «Galicia vai subir nas preferencias turísticas de moita xente»

0
15

Santiago de Compostela, 14.04.2021- Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, foi entrevistado este martes no espazo ‘Bos días’ da Televisión de Galicia, onde fixo un primeiro balance sobre a aceptación do bono turístico, iniciativa promovida pola Xunta de Galicia en que hai xa máis de 700 empresas inscritas. 

O vicepresidente do Goberno galego e conselleiro de Vicepresidencia, Xustiza e Turismo salientou o bo recibimento da medida no sector, asegurando que “hai 10.000 bonos turísticos tramitados xa” e que o máis probable sería “que hoxe mesmo se esgote a previsión inicial”. Rueda indicou que o bono mobiliza case 7 millóns de euros e deixou clara a necesidade do sector turístico deste “arranque e empuxe inicial”. Ante a enorme aceptación da acción, Alfonso Rueda pediu tamén paciencia ás persoas que aínda non tramitaron a solicitude e seguen á espera e afirmou que “haberá que considerar unha edición máis”. 

O vicepresidente primeiro expresou a súa esperanza de boas perspectivas de cara ao verán, apuntando que “afortunadamente, temos unha situación mellor ao resto de España”. Así mesmo, sinalou que en Galicia “temos uns enormes atractivos apreciados en todas partes que nós mesmos non coñecemos”, e remarcou que este bono é “unha boa oportunidade para coñecer as marabillas que temos”. Afirmou tamén que “Galicia vai subir nas preferencias turísticas de moita xente”, xa que “se van buscar espazos abertos e natureza, un xeito de viaxar que temos aquí”, e fixo fincapé no desenvolvemento dun traballo constante “para que os hostaleiros saiban como teñen que actuar coas medidas de seguridade”.

Para finalizar a entrevista, falouse da reapertura do plan de visitas ao Pórtico da Gloria da catedral compostelá, que considerou “unha mostra máis de que todo empeza a espertar”, e expuxo o desexo de poder “alixeirar pouco a pouco” o seu réxime de visitas. 

Fuente Crtvg.es