Alumnos de Infantil e Primaria de Arteixo, Ferrol e Meira, gañadores dos Premios 'Nós Tamén Creamos!' de 2019

0
3

Santiago, 24.06.2019.-   O certame ‘Nós Tamén Creamos!’, que fomenta a creatividade e o uso da lingua galega mediante a realización de curtas de animación, xa ten gañadores na súa oitava edición. Nesta ocasión, foron alumnos de Arteixo, Ferrol e Meira os que se fixeron cos galardóns dun concurso convocado conxuntamente pola Xunta de Galicia e a CRTVG e que conta coa colaboración de OQOeditora.

Na modalidade de Educación Infantil, o xurado concedeulle o premio ao CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo (A Coruña), polo filme ‘Cantas pingas na cidade’. Na categoría de 1º e 2º de Primaria resultaron galardoados o profesorado e o alumnado do Centro de Educación Especial Terra, de Ferrol (A Coruña), polo traballo ‘Andrés cabeza abaixo’. Finalmente, a curta ‘Maruxa’, do CEIP Poeta Avelino Díaz, de Meira (Lugo), fíxose co premio na modalidade de 3º e 4º de Primaria.

Cada un dos centros premiados recibirá un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da CRTVG e un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado participante nas curtas premiadas obterá unha certificación de Premio de Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. As curtametraxes seleccionadas, tanto as gañadoras coma as participantes, poden verse no Portal da lingua galega, así coma na sección infantil da web da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (http://www.crtvg.es/infantil/programas/nos-tamen-creamos-2019).

Mediante a elaboración de curtas de animación en galego coa técnica stop-motion, ‘Nós Tamén Creamos!’ busca favorecer a innovación educativa para promover xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas; conseguir unha relación positiva dos rapaces co idioma propio de Galicia, ao relacionalo co audiovisual e coas TIC; abrir unha nova oportunidade para que a mocidade se achegue á lectura; fomentar a creatividade en lingua galega e difundir as posibilidades de ocio en galego que ofrece a TVG.

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here