Amais da música de Lolita e A Roda, ‘Luar’ celebra hoxe a emocionante segunda semifinal do ‘Recantos de Ouro’

0
10

Santiago, 03.07.2020.-  ‘Luar’ (22.00 h) achégase esta noite á recta final da décima edición do certame de talentos da canción ‘Recantos’, que esta temporada foi bautizado como ‘Recantos de Ouro’, xa que contou coa participación dos 21 concursantes máis destacados de anteriores convocatorias. Tras coñecerse o venres pasado que a primeira finalista é Ruth Cundíns, representante de Terras de Compostela, hoxe competirán Maite, da zona de Noia-Barbanza, e O Pérez, do Miño, por facerse un oco na gran final do próximo 10 de xullo. Xosé R. Gayoso e Patricia F. Santana conectarán no transcurso do programa en directo con Beatriz Serén, que nesta ocasión estará desprazada na Estrada para dar a coñecer unha curiosa historia que trouxo a ‘nova normalidade’ a esta localidade.

No apartado musical, os espectadores gozarán coas intervencións de Lolita, quen tras seis anos sen acudir a ‘Luar’, dará coma sempre boa mostra da súa arte sobre o escenario. Outros dos grandes momentos viviranse coas actuacións do grupo folk vigués A Roda, da asociación cultural Fogofatuo de Rianxo, do Coro de Carril, da orquestra pontevedresa La Ocaband, e da asociación folclórica zamorana Manteos y Monteras.

Os presentadores contarán, a maiores, no estudio coas intervencións do músico e luthier Pablo Carpintero; co humor do dúo Brandariz e Veiga e de Cuqui, que ofrecerá un novo monólogo cómico, e cos consellos sobre o mundo animal que traerá o experto Octavio Villazala. Pola súa parte, a audiencia volverá ter a oportunidade de facerse co bote do concurso telefónico, que esta semana parte con 3.500 euros e poderá gañar xamóns coas adiviñanzas que proporá ‘Luar’.

Fuente Crtvg.es