Ampla despregadura do ‘Galicia en Goles’ da RG para o Barcelona-Celta do domingo pola noite

0
28

Santiago, 06.10.2022.-    A Radio Galega dedica esta fin de semana un total de 26 horas ás retransmisións deportivas. As primeiras chegan na noite do venres, de 20.30 a 00.00 h, coa atención posta na primeira xornada da LEB ouro de baloncesto e na Liga Asobal de balonmán.

O sábado, desde as 15.00 h, o interese pasa pola Primeira RFEF de fútbol co partido do líder contra o colista na Malata: Rácing de Ferrol-Talavera. O baloncesto será o outro protagonista do día, co Obradoiro-Xirona no Sar e o Joventut-Breogán no Olímpic de Badalona. Durante o día, o proxecto #GaliciaEnXogo terá presenza en dúas entregas. A primeira, ás 13.00 h, nas viaxes de Alfonso Pardo por Galicia para darlle visibilidade á outra cara do deporte. Desta volta, o waterpolo será o protagonista, coas rapazas do equipo de Pontevedra-Ourense, que conseguiron a temporada pasada dar o salto de categoría. A segunda entrega chegará ás 23.00 h, coa información do motor e dos galegos olímpicos ata as 00.00 h.

A edición matinal do domingo adianta o seu comezo ás 11.45 h para seguir o Linares-Pontevedra, de Primeira RFEF, ademais da Copa das Rexións UEFA e o hóckey a patíns. A partir das 15.00 h, a sesión de tarde comezará co fútbol das categorías dependentes da Federación, con atención especial ao Celta B-Mérida e ao Rayo Majadahonda-Deportivo. Ás 21.00 h, o programa fará unha ampla despregadura no Camp Nou para o enfrontamento entre o F. C. Barcelona e o Celta de Vigo. Ao remate chegarán os especialistas de ‘Ao Contraataque’, que pasarán consulta ata as 01.00 h analizando o sucedido na xornada.

As emisións de ‘Galicia en Goles’ chegan a través da FM, TDT, radiogalega.gal, Radioplayer España e g24.gal. O programa tamén se pode ver poñendo no buscador Mira RG ou a través da canle de YouTube da Radio Galega.

Fuente Crtvg.es