Ampla oferta deportiva esta fin de semana na G2, con fútbol, balonmán, hóckey a patíns e motocrós

0
8

Santiago, 22.10.2021.-    Fútbol da Segunda RFEF, balonmán, hóckey a patíns, o Campionato do Mundo de Motocrós e as ligas francesa e portuguesa compoñen a ampla e variada oferta deportiva dos medios públicos galegos para esta fin de semana.

O sábado ofrecerase unha edición de ‘A Liga das Cidades’ ás 16.30 h, en que se realizará un carrusel con conexións cos partidos C. D. Arenteiro-C. D. Leganés B, Bergantiños C. F.-C. D. Palencia e Coruxo F. C.-Salamanca C. F., correspondentes á oitava xornada do campionato de Liga na Segunda RFEF, a cuarta categoría do fútbol español.

Ás 19.00 h comezará na G2 o partido da Liga Asobal de Balonmán entre o Cangas Frigoríficos do Morrazo e o BM Benidorm. A pista do Gatañal é unha das máis complicadas da categoría e o equipo galego intentará seguir facendo gala do seu poder defensivo, xa que nesta parcela os seus números son dos mellores da Asobal. Os de Nacho Moyano son o terceiro equipo que menos goles recibe por encontro.

Xa pola noite, a partir das 22.00 h, volve a liga portuguesa de fútbol aos medios públicos galegos co partido C. D. Tondela-Porto F. C., correspondente á novena xornada da Primeira Liga. O equipo dirixido polo español Pako Ayestarán fará todo o posible por conseguir os tres puntos na súa casa para subir postos da táboa xeral, pero será un reto difícil contra os ‘Dragóns’ do mexicano Jesús el ‘Tecatito’ Corona, que veñen de gañar 1-0 ao Milán na Champions League.

A xornada do domingo comezará coa OK Liga de hóckey a patíns e un dos encontros máis especiais da temporada, que sempre é garantía de espectáculo: F. C. Barcelona-Deportivo Liceo (12.00 h), coa primeira posición en xogo. O conxunto azulgrá confía na maxia do Palau para manterse á fronte da táboa. Pola súa parte, o equipo galego é o único que saíu victorioso do feudo barcelonista nas últimas cinco temporadas, despois de impoñerse na súa última visita.

Pola tarde chegará unha nova proba, a 14ª, do Campionato do Mundo de Motocrós. A partir das 16.00 h ofrecerase en directo a segunda carreira do MXGP de Trentino, que se disputará no circuíto italiano de Pietramurata. O piloto galego Jorge Prado, que conseguiu a semana pasada o segundo posto en Madrid, intentará escalar postos na xeneral, onde permanece como cuarto clasificado, a 65 puntos do liderado e a 50 do top 3.

A continuación, ás 17.00 h, os espectadores da segunda canle da Galega poderán ver en directo un novo partido da liga francesa: A. S. Mónaco  F. C- Montpellier F. C., correspondente á 11ª xornada. O conxunto monegasco ten ganas de reencontrarse coa vitoria despois de perder o seu último partido contra o Olympique de Lion. Respecto ao Montpellier, acabo de conseguir o triunfo fronte ao Racing de Lens.

A última cita deportiva desta intensa fin de semana será o partido de balonmán feminino Atlético Guardés-Hypo (19.00 h), da EHF European League. O soño europeo do conxunto galego segue vivo despois de poñer moi de cara o seu pase á segunda rolda tras gañarlle ao conxunto austríaco, imbatido ata a súa visita, por 21-28.

Fuente Crtvg.es