Ana Pontón, voceira nacional do BNG: «Propoñemos unha fronte común para defender a frota en Bruxelas»

0
21

Santiago, 22.09.2022.-     Ana Pontón, voceira do Bloque Nacionalista Galego, foi entrevistada este xoves no espazo informativo ‘Bos Días’ da Televisión de Galicia, nunha conversa en que se trataron cuestións como a sanidade, a situación da pesca galega e a crise enerxética, entre outras.

A voceira do BNG, formación que o domingo, día 25, celebra o seu 40 aniversario, manifestou que o BNG foi unha forza política para os galegos e as galegas e que traballaron para impulsar transformacións e cambios sociais e puxo como exemplo Pontevedra como un referente a nivel municipal. “Estes 40 anos cóllenos no mellor momento político da nosa historia cunha organización forte, unida, á que os galegos e as galegas nos situaron como alternativa fronte ao Partido Popular nas pasadas eleccións e cun reto importante: que cando se convoquen eleccións en Galicia sexamos capaces de producir un cambio político para que este país teña por primeira vez unha presidenta coas mans libres para defender aos galegos e as galegas”, destacou.

Impostos autonómicos

Sobre os impostos autonómicos e a proposta de harmonización feita pola ministra de Facenda, Ana Pontón cre que “a dereita fai unha política contraria aos intereses da maioría social porque lle rebaixa os impostos aos máis ricos” e puxo como exemplo a rebaixa fiscal do PP en Galicia o ano pasado que, segundo explicou, era moi diferente segundo o nivel de ingresos. “Unha persoa que cobra 12.000 euros ao ano ten unha rebaixa fiscal de 20 euros, pero as persoas con rendas superiores aos 60.000 euros teñen unha rebaixa fiscal de 500 euros”, sentenciou. “Nós defendemos que Galicia ten que ter maior capacidade para recadar os seus impostos porque o Estado recada a maioría dos impostos e logo fai unha distribución coa que nós non estamos de acordo”, matizou a voceira nacionalista. Dixo que dende o BNG “defendemos a capacidade fiscal plena para Galicia, que recademos os nosos impostos e os redistribuamos conforme as necesidades que ten o noso país para facer unha fiscalidade xusta”.

Topar prezos na electricidade

En canto a se é partidaria de topar os prezos, Pontón di que “estamos nun momento extraordinario que require de medidas extraordinarias, polo que habería que topar o prezo da electricidade porque isto está afogando milleiros de familias”. Cre que é necesario acompañar a sociedade que o está pasando mal e referiuse á volta ao colexio como a máis cara dos últimos 40 anos e que a resposta do Goberno galego foi “pírrica”. “Nós o que defendemos é que nun momento como este hai que apostar polos servizos públicos e pola educación, por iso propoñemos que ten que haber unhas axudas extraordinarias: un paquete de bolsas por importe de 35 millóns de euros anti crise para as familias que menos teñen, que os libros de texto sexan gratuítos e cremos que hai que contratar máis profesorado”, destacou a voceira nacionalista.

Sanidade pública e frota pesqueira

Sobre a sanidade pública en Galicia, a voceira nacionalista afirmou que “temos unha situación moi grave con listas de espera para o médico de cabeceira, para enfermidades tan graves como a oncoloxía e isto quere dicir que os recortes que se fixeron teñen unha repercusión sanitaria”. Cre que este é un problema que ven de atrás e que Galicia é unha das comunidades que menos inviste.

Outro tema do que se falou durante a entrevista foi a decisión da UE de vetar a pesca de fondo. Pontón cre que “a Unión Europea leva moitos anos traballando para eliminar a pesca de Galicia e que isto se fixo coa complicidade tanto do PP como do PSOE”. Manifestou que nin o Goberno galego nin o central fixeron os deberes e que “é importante que haxa unha fronte común para defender os intereses da pesca galega e que se reclame que ese regulamento quede sen efecto”.

Eleccións

O próximo ano haberá eleccións municipais e xerais e Ana Pontón cre que “hai ganas de cambio e comprobo que a Xunta é incapaz de tomar decisións para axudar as persoas que peor o están a pasar”. Segundo a voceira nacionalista, “cremos que dende o BNG hai unha expectativa de cambio e que hai unha forza política como é o BNG que está en ascenso e que imos deixarnos a pel para que haxa un goberno coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas”.

Xa para rematar, Pontón cre que a derrogación do voto exterior vai garantir a participación dos emigrantes galegos e que “non se pode volver a un sistema que supoñía falta de transparencia e intoxicaba o funcionamento democrático”.

Fuente Crtvg.es