Santiago, 14.01.2022- Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, foi entrevistada esta mañá no informativo ‘Bos Días’ da Televisión de Galicia, onde repasou cuestións de actualidade como os parques eólicos, a situación de Ence, os fondos para a rehabilitacion da vivenda e a prohibición da caza do lobo, entre outros.
Despois da xuntanza mantida onte entre o presidente da Xunta de Galicia e a ministra de Transición Ecolóxica, en que se abordou o impacto dos parques eólicos, a conselleira de Medio Ambiente dixo que se lle pediu á ministra que “respecte a organización territorial de Galicia, que ten un plan sectorial eólico e no 70% do territorio non se poden instalar eólicos porque son zonas protexidas ou porque están moi preto de vivendas”. “Galicia opta por ter enerxía limpa, opta por ter eólicos, pero opta por protexer tamén a súa paisaxe”, sinalou.
Sobre a situación de Ence e as posibles saídas ao conflito, Vázquez explicou na entrevista que a localización da factoría non é a mellor, pero que entre “iso e a perda de traballo hai que sopesar e, polo tanto, se o Goberno Central, canda outras administracións como a do Concello de Pontevedra, fixeron todo o posible para que Ence se vaia da ría, o que non poden é pedirlle só solucións á Xunta de Galicia”.
Noutra liña, Ángeles Vázquez indicou que a próxima semana serán aprobadas novas axudas para corrixir o feísmo urbanístico e que “queremos primar a rehabilitación da vivenda, que prime a eficiencia enerxética». Para isto concederanse fondos para a rehabilitación enerxética de vivenda en concellos de menos de 20.000 habitantes, que son a maioría dos galegos. A conselleira salientou que “Galicia ten unha gran oportunidade a través de certos fondos como poden ser os europeos para acceder a estes recursos, que son máis de 150 millóns de euros”.
En canto a axudas previstas, a conselleira de Vivenda adiantou que este mes sairán as destinadas a corrixir impactos paisaxísticos: “a próxima semana aprobaremos axudas para corrixir o feísmo e cubrirán ata o 70% da obra”.
Por outra parte, en canto ao número de vivendas baleiras en Galicia, e respecto da nova Lei de vivenda, Ánxeles Vázquez dixo que, “se non se cambia o texto da nova lei, Galicia vaina recorrer”, porque, segundo explicou, non se pode considerar baleira unha vivenda só porque leve dous anos o seu dono fóra. “Se algo temos que facer por e para a vivenda non é o que está facendo o Goberno Central en Galicia. Por un lado está dicindo que hai que ter vivenda para todo o mundo e polo outro está propiciando os desafiuzamentos a través da Sareb”, engadiu.
Canto ao lobo, Galicia, Cantabria, Asturias e Castela e León mandáronlle unha carta ao comisario europeo de Medio Ambiente en que lle dicían que estaban preocupadas polas consecuencias da prohibición da caza do lobo. A conselleira di que Galicia cumpre co medio ambiente “aínda máis do que manda a directiva do Convenio de Berna”, que obriga a enviar un informe cada seis anos ao Goberno Central. No último informe de Galicia o “lobo aumentou en número e está no 90% do territorio, o seu estatus é favorable”. Segundo a conselleira, onte mesmo o comisario europeo trasladoulles que o lobo está nunha situación desfavorable e en perigo de extinción, segundo o Goberno Central, “iso quere dicir que algo non vai ben: ou os datos están terxiversados ou hai erros”.
Para rematar, sobre a recollida do lixo, Ángeles Vazquez lembrou que “o 31 de decembro de 2023 os concellos teñen que ter implantado o quinto colector, o composteiro”.
Fuente Crtvg.es