“Aquí Galicia” marcha a Oroso en busca da mellor forma de elaborar a troita

0
357

Santiago, 13.05.2017.- “Aquí Galicia” estará en directo este sábado en Sigüeiro, no concello de Oroso, que celebra a súa Festa da Troita. Na 21 edición do evento,  os reporteiros do programa poderán ver como se leva a cabo a captura do peixe nos ríos locais e catalo fritido, en empanada ou con améndoas e xamón. Tamén estarán no campionato de pesca e nos obradoiros infantís que se desenvolven durante este enxalzamento gastronómico; coñecerán á mascota do evento, Troi, e terán tempo para visitar o municipio, acompañados de veciños de Oroso. 

A contorna acolle tesouros naturais como a illa do Refuxio, a ponte Arderís, o Cachopal, a Peneteixa, o muíño do Vigo ou o Rego Tellado. Por Oroso pasa tamén o último tramo do Camiño Inglés cara Compostela e “Aquí Galicia” afondará nunha reportaxe nas curiosidades desta ruta.

O espazo dos sábados tamén se fará eco dos éxitos deportivos do concello; por iso visitará as escolas municipais en que se practican modalidades coma o tenis de mesa ou o taekwondo. Alí viven varios pintores de renome internacional, un rapaz violinista que xa ofrece concertos nos mellores auditorios do mundo e tamén artistas populares coma os tradicionais zoqueiros. Os reporteiros do programa que a TVG emite na tarde do sábado falará con todos eles. 

As actividades da Festa da Troita estarán amenizadas con diversas actuacións musicais. Subirán ao escenario de “Aquí Galicia” a cantante de Ordes, Tania Veiras, que presentará un avance do seu próximo disco dedicado a Ana Kiro e César Romero, intérprete da orquestra Cinema e cunha prometedora carreira en solitario. Cantarán xuntos un dos éxitos do verán, “Chantaje”. Pola súa banda, o cantautor Xabier Vizcaíno presentará o seu disco “Diáspora”, do que interpretará o tema “Serendipia”.

Espectadores e público poderán gozar coas actuacións da orquestra Atenas; a Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre, de Sigüeiro; a Asociación Folclórica Buxos Verdes, da parroquia de Senra de Oroso; o coro de música tradicional da Asociación Cultural Néboas no Cumio, e con Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso, que interpretarán a “Foliada de Santiago”.

 

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here