Arrinca este domingo na TVG a segunda temporada da serie de éxito ‘O Sabor das Margaridas’

0
4

Santiago, 22.03.2020.- Este domingo chega á Televisión de Galicia a agardada segunda temporada de ‘O Sabor das Margaridas’ (22.30 h), a serie que triunfa en medio mundo e que foi a primeira ficción en galego incluída no catálogo de Netflix, chegando a 180 países subtitulada en 30 linguas.

Na primeira temporada, entre as pistas falsas e verdadeiras, dúas incógnitas tiveron en vilo os espectadores: quen secuestrou a Marta Labrada e onde está? A isto engadíuselle un xiro final imprevisible: a verdadeira identidade de Rosa Vargas, a protagonista, interpretada pola actriz María Mera. Esta segunda temporada afondará na psicoloxía de Eva Mayo, un personaxe cunha mente complexa e enferma que pode agochar moitos segredos.

Nesta nova quenda de capítulos, a audiencia verá como, tras resolver o caso da morte de súa irmá e destapar unha trama de prostitución na pequena vila de Murias, a ex garda civil Eva Mayo acaba en prisión polo secuestro e suplantación de identidade da tenente Rosa Vargas. Desgraciadamente, unha das probas máis importantes da investigación, o vídeo gravado por Marta Labrada nunha das festas, onde se involucra xente moi poderosa na morte de varias prostitutas, desaparece misteriosamente, quedando impunes os verdadeiros responsables da morte de súa irmá, Margarida, e de Pamela.

Eva cumprirá condena obsesionada coas imaxes desa macabra festa, convencida de que os responsables intentan desfacerse de todos os que viron a gravación. A obcecación leva a Eva ao límite da súa saúde mental, desenvolvendo un trastorno psiquiátrico que terá que controlar con abundante medicación.

Despois de cumprir condena, Eva Mayo sae do cárcere e intenta, con moitas dificultades, superar os seus problemas mentais e refacer a súa vida. Ata que un día recibe a chamada de Mauro para contarlle que secuestraron a Rebeca e que a súa vida corre perigo. Mauro pídelle a Eva que vaia ver a Il’ya Antonovich Kharpov, un personaxe enigmático que a axudará a encontrala, xa que a policía podería estar implicada no asunto.

Eva comezará a investigar e achegarase aos membros dunha perigosa rede de prostitución, para buscar pistas sobre o paradoiro de Rebeca, cando ocorre algo inesperado: as persoas coas que está contactando morren de forma violenta e teñen todas un mesmo sinal: unha margarida na boca. Alguén a está a seguir? Por que unha margarida? É unha pista para ela? Quere alguén incriminar a Eva nestes asasinatos?

A policía nacional, liderada polo inspector Raúl Salgado, a quen dará vida Santi Prego, tratará de atopar o culpable duns asasinatos sen conexión aparente, excepto un elemento común: a margarida.

Fuente Crtvg.es