As #AcciónsG da CRTVG difunden en Instagram os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU

0
3

Santiago,  17.09.2020.- Como socia do Pacto Mundial das Nacións Unidas, a CRTVG súmase, dentro das súas actividades de RSC reunidas en #AcciónsG, á campaña #apoyamoslosODS dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas. A campaña lévase a cabo esta semana na que se cumpre o quinto aniversario da aprobación da Axenda 2030 con 17 obxectivos polo desenvolvemento a nivel mundial.

Desde hoxe, a Corporación pon en marcha en Instagram un xogo con preguntas e respostas dirixido especialmente aos máis novos para achegarlles as cuestións que abordan os ODS, que perseguen acabar coa pobreza, a fame, estender a sanidade, a educación ou reducir as desigualdades e abordar retos urxentes como o cambio climático. A través das stories de Instagram, e da difusión nos perfís das outras canles dixitais -Facebook e Twitter-, os medios públicos formularán dun xeito lúdico preguntas coas que chamar a atención e provocar a participación dos seguidores máis novos.

Hai cinco anos, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas aprobou a Axenda 2030 con 17 ODS, por unanimidade dos 193 estados participantes, entre eles España. E acordouse a participación necesaria de gobernos, empresas, sociedade civil e cidadáns de todo o mundo.

A CRTVG é socia do Pacto Mundial desde 2011, edita cada ano un Informe de Progreso seguindo o modelo desta organización internacional -accesible no Portal de Transparencia da Corporación-, e aliña a súa política de RSC coa misión e actividade do Pacto Mundial das Nacións Unidas en España.

Cada ano, a Corporación activa a estratexia de Responsabilidade Social Corporativa baixo o nome de #AcciónsG, con campañas institucionais que apoian os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, e para as que a CRTVG se asocia a entidades no eido social galego.

…………………………………….

Fuente Crtvg.es