As canles da Radio Galega alcanzan os 170.000 oíntes, un 16% de incremento respecto á última onda do EXM

0
2

Santiago, 26.06.2019.- O conxunto das canles da Radio Galega alcanzan os 170.000 oíntes de luns a domingo, un  incremento de case un 16% con respecto á última onda do EXM. A audiencia da Radio Galega convencional mantense fiel á súa canle, como demostran os datos: mantén os 133.000 oíntes de luns a domingo e o indicador de fidelidade sitúa a escoita en 203 minutos por persoa, moi por riba do resto das canles da competencia.

A Radio Galega Música, coordinada por Moncho Lemos, consegue o mellor dato da súa historia con 43.000 oíntes diarios de luns a domingo, logo dunha suba de case o 50% (de 24.000 máis).    

Na cota de mercado do conxunto da radio xeralista, a Radio Galega faise coa segunda posición cun 22%, por detrás só da Cadena SER e seguida pola Cope, Onda Cero, RNE e EsRadio.

‘Pensando en ti’ reforza o seu liderado e ‘A tarde’ consegue o mellor dato da temporada, cunha suba do 50% de oíntes.

O ‘Galicia por diante’ sitúase nos 63.000 oíntes e mantén a fidelidade da audiencia no seu tramo informativo. Pola súa banda, o magazine dirixido por Kiko Novoa incrementou o seguimento en 7.000 persoas con respecto a hai tres meses, ata alcanzar os 51.000 oíntes.

O ‘Pensando en ti’ de Marcial Mouzo non coñece fronteiras e é líder indiscutible na madrugada galega, cunha suba de 20.000 oíntes en relación a hai tres meses. O ‘Pensando en ti’ da fin de semana, dirixido por Viti González, tamén subiu ata os 19.000 oíntes o sábado e 29.000 o domingo.

O programa ‘A tarde’, dirixido por Antón Rebollido, alcanza o mellor dato da temporada, con 19.000 oíntes, que supón unha suba do 50% en relación a hai tres meses.

Os programas temáticos da medianoite, ‘Un país mundial’, ‘Lambóns dixitais’, ‘Arredor de nós’, ‘Efervesciencia’ e ‘Déitate’, continúan subindo audiencia, ata alcanzar os 28.000 oíntes, 8.000 máis que hai tres meses. ‘A crónica’ suma 3.000 oíntes e o faladoiro político da noite dobra o número de oíntes con respecto a abril, ata sumar 14.000.

Na fin de semana, o ‘Galicia por diante’, dirixido por Victoria Rodríguez, suma 65.000 oíntes o sábado, case duplicando a audiencia de hai tres meses, e 40.000 o domingo, no marco dunha tendencia continuada de suba dende o lanzamento desta nova proposta informativa. O programa de cine ‘Sala 5’ dobrou a súa cifra ata os 28.000 oíntes, e o programa especializado en agro ‘Ferrado e medio’ consolídase, con 12.000 oíntes.

No plano informativo, e ademais do ‘Galicia por diante fin de semana’ de Celia Rúa, producíronse subas substanciais na ‘Crónica das dúas’ ata os 31.000 e 42.000 oíntes sábado e domingo, respectivamente. O programa de reportaxes ‘Panorámica’ multiplica o seu seguimento ata os 20.000 oíntes e lidera a súa faixa o sábado.

O ‘Como que non?’ programa que se emite tamén pola G2 da Televisión de Galicia tamén sobe  o domingo, ata alcanzar os 36.000  oíntes.

O ‘Diario cultural’ chega agora aos 168.000 oíntes

O ‘Diario cultural’, enmarcado no plan #Cultura365 dirixido por María Solar, segue a incrementar a audiencia e a chegar a novos públicos grazas á nova estratexia de emitir os espazos culturais en horarios de máxima audiencia e consumo radiofónico.

De luns a venres, a audiencia do ‘Diario cultural’ dispárase ata os 58.000 oíntes e na fin de semana aos 110.000, liderando amais o domingo nas súas dúas edicións, ás 9:30 e ás 14:15.  No total, a programación especializada en cultura da Radio Galega impacta  168.000 oíntes. Na mesma onda do ano pasado, antes de implementar a estratexia #Cultura365, a cifra fora de 3.000 oíntes durante a semana, e non existía a edición do ‘Diario cultural’ na fin de semana nin a canle dixital diariocultural.gal.        
 
‘Ao contraataque’ duplica a audiencia e ‘Galicia en goles’ lidera as fins de semana

No que atinxe aos deportes, as novas marcas desta temporada seguen subindo. ‘Ao contraataque’ dispárase e dobra a audiencia con respecto a hai un ano, ata alcanzar os 20.000 oíntes e o liderado no domingo

O ‘Galicia en goles’ de Xoán Galán continúa medrando e alcanza os 51.000 oíntes o sábado e 67.000 o domingo onde lidera a tarde, desde as 15.00 h ata as 12 da noite, xunto con ‘Ao contraataque’. Os sábados, ‘Galicia en goles’ é líder tamén durante 4 horas de emisión.

Pola súa banda, o ‘Convivir deportivo’ de Alfonso Pardo rexistra un importante incremento ata os 37.000 oíntes, que apoian esta aposta polo enfoque social e a intrahistoria das persoas e entidades senlleiras do deporte galego.

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here