As cantantes galegas Lucía Pérez e Patricia Moon actúan esta noite en ‘Bamboleo’

0
6

Santiago, 21.03.2020.- Coa chegada do sábado á noite, a TVG tenlles preparada aos espectadores unha nova velada de entretemento, a cargo de Xosé Manuel Piñeiro, o mestre de cerimonias dun ‘Bamboleo’ (22.00 h) que ofrece un bo anaco de lecer coas variadas seccións do programa e con actuacións adaptadas a todos os gustos musicais.
    
A primeira actuación que fará as delicias da audiencia é a da cantante galega Lucía Pérez, que celebra 15 anos no mundo da música cun novo disco. Tras o éxito de ‘Quitapenas’, chega o seu sétimo álbum, titulado ‘Quince soles’, gravado integramente en galego e que contou coas colaboracións de Chenoa, Rosa Cedrón, Tonhito de Poi, Sito Sedes e o seu irmán, o cantautor Vizcaíno, co que tamén actuará esta noite.

Cambiando de rexistro, esta noite actuará en ‘Bamboleo’ a cantante, compositora, violinista e pianista viguesa Patricia Moon, que, a cabalo entre o soul, a música clásica, o blues, o grunge e o rock, presenta un son duro con letras cheas de tinguiduras persoais. O programa da TVG tamén contará coa presenza da orquestra La Ola ADN.

No que respecta ás seccións de ‘Bamboleo’, en ‘Agora ou Nunca’, dous participantes, Andrea Iannone e José Ferradás, amosarán os seus dotes artísticos. A primeira, interpretando ‘Quando a chuva passar’, de Ivete Sangalo, e, o segundo, o clásico ‘Granada’.

Ademais, desenvolveranse ‘A ITV do amor’, co obxectivo de acertar cal é a verdadeira parella dunha persoa e, ‘Dirtidansi’, onde nesta edición Marcos e Nuria bailarán rumba, bolero e jive. Finalmente, ‘A Jrileira’ enfrontará ao karaoke dous concursantes, Noemí e Telmo, que cantarán ‘El anillo’, de Jennifer López.

Fuente Crtvg.es