As celebracións máis emotivas do ano en Galicia, protagonistas esta noite en ‘Eu quero Carme’

0
9

O programa (22.30 h) comprobará con que paixón se vive a festa da patroa dos mariñeiros en Camariñas, Rianxo, Marín, Foz, Redondela e Corcubión

As celebracións máis emotivas do ano en Galicia, protagonistas esta noite en 'Eu quero Carme'

Santiago, 21.07.2021.-    A TVG ofrece esta noite un programa especial dedicado a unha das celebracións máis emotivas do ano en Galicia. ‘Eu quero Carme’ propón unha intensa viaxe cargada de festa, alegría, música e unha chea de paixón pola patroa dos mariñeiros.   
    
As reporteiras do programa, Adela Bértolo, Laura Vaqueiro, María Rial e Belén Vara, serán as encargadas de facer este inesquecible percorrido. Para comezar, estarán nas Festas do Carme da vila de Camariñas. Alí poderán gozar da tradicional Danza de Arcos e dunha procesión por terra e por mar da Virxe do Carme.
    
A continuación, visitarán Rianxo, onde os mariñeiros sacan por fin a súa Virxe do Carme polas rúas do concello. Alí tamén haberá música tradicional e troula a esgalla. Igual que en Marín, onde un dos puntos fortes das súas famosas Festas do Carme é o concerto da orquestra París de Noia.

As cámaras e reporteiras do programa deste mércores tamén estarán en Foz para participar na elaboración das alfombras de flores do Carme e compartir cos focegos a súa paixón pola Virxe. Ademais, ‘Eu quero Carme’ irá de sardiñada á parroquia de Cangas, tamén no concello de Foz. E acompañará este delicioso manxar do verán coa música de Los Satélites.
    
O programa porá voz ás emocionantes historias dos mariñeiros de Cangas e, na parroquia de Cesantes, en Redondela, presentará unhas mulleres do mar que teñen moito que dicir sobre a súa Virxe do Carme. As festas de Corcubión, en que as charangas percorren o concello desde primeira hora da mañá, completan o menú festeiro do programa.

Fuente Crtvg.es