Santiago, 08.04.2022.- Chega unha nova fin de semana deportiva aos medios públicos galegos, co fútbol e o motocrós como protagonistas. A primeira transmisión, correspondente á Primeira RFEF de fútbol, ofrecerá o partido que disputará o sábado, ás 17.00 horas, o R. C. Celta B e a U. D. San Sebastián de los Reyes no campo municipal de Barreiro. En xogo, tres puntos claves para a promoción dos celestes, situados no cuarto posto da clasificación.
Ás 21.00 h, a G2 transmitirá o Clermont Foot 63-PSG F. C., un novo encontro da France Ligue 1 de fútbol e un novo exame para as cuestionadas estrelas parisienses.
A oferta deportiva do domingo arrancará, ás 12.00 horas, tamén con fútbol, pero nesta ocasión da Segunda RFEF, cun C. D. Arenteiro que intentará escalar posicións ante o U. D. Llanera. O espazo ‘A liga das cidades’ traerá pola tarde, a partir das 17.00 horas, dous dos encontros destacados da xornada na recta final da 2ª RFEF, en que os dous equipos galegos teñen posibilidades de ascenso: Pontevedra C. F.- R. Avilés C. F. e S. D. Compostela-C. D. A. Navalcarnero.
E os medios públicos galegos volverán dirixir a súa ollada esta fin de semana cara ao Campionato do Mundo de Motocrós, que celebra a súa quinta proba da temporada no MXGP de Trentino (Italia), nun torneo que lidera Tim Gajser. O lucense Jorge Prado, segundo na clasificación, buscará repetir no circuíto de Pietramurata a vitoria acadada na última cita en Portugal, ao igual que o vigués Rubén Fernández, que dará o mellor de si mesmo para subir ao podio. As dúas mangas ofreceranse o domingo, en directo, ás 14.00 e ás 17.00 h na G24.gal, mentres que na G2 a segunda proba se ofrecerá ás 21.00 horas, en diferido.
Finalmente, tamén se poderá ver pola G2, ás 00.15 horas, en diferido, un novo partido da Primeira Liga portuguesa de fútbol, o que enfrontará o Victoria Guimarães S. C. co F. C. Porto.
Fuente Crtvg.es