As curtametraxes participantes na novena edición do certame Nós tamén creamos! poderán verse a partir da semana que vén na G2

0
19

Santiago, 04.03.2021.-    A creatividade dos nenos e nenas galegos de Educación Infantil e Primaria poderá verse na G2 a partir da semana que vén, cando se ofrecerá o primeiro pase de todas as curtametraxes participantes na novena edición do certame Nós tamén creamos!, un concurso convocado conxuntamente pola Xunta de Galicia e a CRTVG e que conta coa colaboración de OQOeditora, cuxos gañadores se coñeceron o pasado mes de xaneiro.

As dez pezas, elaboradas coa técnica stop-motion por profesorado e alumnado de Infantil e 1º e 4º de Primaria de nove colexios galegos, están dispoñibles na sección infantil da páxina web da CRTVG e a partir do vindeiro luns ofreceranse tamén a través da segunda canle da Galega arredor das 19.00 h, na faixa do ‘Xabarín Club’ coñecida como a ‘Xabamerenda’.

Deste xeito, emitiranse ‘Paco o papón’ e ‘O oso e o corvo’, do CEIP Ramón Otero Pedrayo, da Laracha; ‘Paco o Papón’, do CEIP Santa María, de Lugo; ‘MariLuz Avestruz’, do CEIP Xesús San Luis Romero, de Carballo; ‘Quen pode vencer o virus’, do CEIP Virxe do Mar, de Narón; ‘Buscando o norte’, do CEIP San Roque, de Viveiro; ‘MariLuz Avestruz’, do CEIP Vilaxoán, de Vilagarcía; ‘Paco o papón’, do CEIP Benigno Quiroga Ballesteros, de Lugo; ‘MariLuz Avestruz’, do CEIP A Guía, de Moaña, e ‘Titiritesa’, do CEIP A Ponte, de Ourense.

A CRTVG colabora na realización destes premios, que promove a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para fomentar unha imaxe positiva da lingua galega, favorecer o seu uso en novos formatos e dar a coñecer as opcións de lecer en galego que lles ofrece aos rapaces e rapazas a web dos medios públicos galegos.

Fuente Crtvg.es