As festas do Corpus serán protagonistas esta noite no ‘Vaia Troula’, que se achegará a Redondela, Ponteareas e Gondomar

0
37

As reporteiras do programa (23.20 h) tamén estarán presentes na Festa do Boi de Allariz, na Exaltación do Requeixo de Cotobade e na Festa do Viño de Barro, entre outros eventos

As festas do Corpus serán protagonistas esta noite no 'Vaia Troula', que se achegará a Redondela, Ponteareas e Gondomar

Santiago, 19.06.2022.-    Este domingo pola noite a Televisión de Galicia ofrece unha nova edición do ‘Vaia Troula’, o programa máis festeiro do verán. Nesta ocasión, a presentadora Noelia Rey viaxará ao concello de Redondela para participar na tradicional Festa da Coca coa que celebran o Corpus. Coñecerá a lenda da Coca, un dragón que fai as delicias dos máis pequenos e tamén presenciará as incribles danzas das Burras e das Penlas.
    
Pola súa parte, a reporteira Adela Bértolo tamén estará gozando do Corpus, pero, neste caso, dende o concello de Ponteareas. Alí celebran unha procesión chea de cor e flores que atrae milleiros de persoas de toda Galicia. Tamén en Ponteareas, Laura Ríos terá a oportunidade de compartir con todos os veciños o proceso de elaboración das súas famosas alfombras florais. E Alba Lea non perderá detalle do día do Corpus en Gondomar. Neste concello todos saen á rúa para participar na procesión que parte desde a fermosa igrexa de San Bieito.
    
Pero no ‘Vaia Troula’ deste domingo non só haberá espazo para o Corpus e as cámaras do programa tamén estarán presentes nas Festas de San Antón da Agualada, en Coristanco, na Exaltación do Requeixo de Cotobade e na Romaría das Merendas das Pontes.
    
A Festa do Boi de Allariz, co seu día dedicado aos cativos, as festas da parroquia de Arca, no concello do Pino, e a Festa do Viño de Barro completan o menú trouleiro para este domingo pola noite. E para que non falte de nada, o programa contará coa actuación estelar do Grupo Tania Veiras.

Fuente Crtvg.es