‘As mans comunican’, nova campaña de #AcciónsG que pon foco na lingua de signos

0
20

Santiago de Compostela, 22.09.2021.- Esta semana, as #AcciónsG da CRTVG poñen a ollada, sempre transversal, na accesibilidade cunha campaña de sensibilización e divulgación arredor da celebración do Día Internacional das Linguas de Signos de Nacións Unidas, o 23 de setembro, data que salienta a protección da identidade lingüística e a diversidade cultural de todas as persoas xordas.

Con #AsMansComunican, e no marco das súas #AcciónsG de Responsabilidade Social Corporativa, a CRTVG quere contribuír a divulgar a importancia da accesibilidade da comunidade xorda galega e o coñecemento da lingua de signos (LSE), cunha campaña composta por vídeos e accións nas redes sociais, pílulas informativas e espazo en todos os medios da Corporación. A campaña desenvolverase arredor do Día Internacional das Linguas de Signos e visibilizará o 10º Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU, referente á `Redución das desigualdades´.

Coa colaboración de persoas xordas galegas, intérpretes de LSE e a Federación de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), os espectadores da TVG e os seguidores das súas redes sociais e canles dixitais van poder aprender termos útiles nesta lingua e coñecer o día a día de persoas xordas de todas as idades, nunha iniciativa que quere facer máis visible a esta comunidade e os seus dereitos. Mañá xoves, o informativo `Bos días´ entrevistará ao presidente da  FAXPG, Iker Sertucha, nunha conversa sobre a realidade das persoas xordas galegas e a importancia de visibilizar a súa situación e integración social en todos os eidos, social, educativo, etc.

A campaña #AsMansComunican contará cun espazo propio na web da CRTVG, con vídeos e pezas didácticas nas redes sociais, e ata o proxecto #DígochoEu se sumará a ela cun capítulo especial, igual que distintos espazos da Radio Galega.

Televisión de Galicia emite os seus dous informativos principais diarios en lingua de signos: o ‘Telexornal mediodía’ e o ‘Telexornal serán’, de luns a venres (en redifusión pola G2), con intérprete de LSE e total accesibilidade para o colectivo de persoas xordas de Galicia. Os dous informativos están tamén dispoñibles en www.crtvg.gal, accesibles a calquera hora.

Deste xeito, a CRTVG continúa o labor de achegar os medios públicos á toda a sociedade, dándolle un valor engadido ao seu traballo no eido da accesibilidade, en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). As #AcciónsG da Corporación son campañas e iniciativas coas que se quere contribuír a lograr unha sociedade mellor e máis responsable. Dende 2018, a CRTVG da visibilidade aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) difundíndoos en Galicia a través destas campañas con contidos e proxectos que xeren valor social ou contribúan á solución de retos sociais e que xa foron recoñecidas con dúas mencións de “Boa Práctica” polo Pacto  Mundial de Nacións Unidas.

Fuente Crtvg.es